O Concello de Oroso mobiliza máis de 2,7 millóns de euros nunha carteira de once actuacións que se executarán ou avanzarán no que resta de 2026. Trátase dun volume de investimento récord para este período, con proxectos xa adxudicados, listos para adxudicar, en licitación ou preparados para a súa próxima contratación.
Este impulso abrangue a mellora de servizos públicos, espazos veciñais, equipamentos municipais, infraestruturas viarias, mobilidade peonil, zonas verdes e áreas empresariais. O obxectivo é seguir avanzando nun municipio máis cómodo, moderno e con mellores prestacións tanto para Sigüeiro como para o conxunto das parroquias.
Entre as actuacións que se atopan nunha fase máis avanzada figura a mellora da Escola Infantil A Ulloa, cun investimento de 150.000 euros e lista para ser adxudicada nas próximas semanas, co fin de reforzar un servizo fundamental para as familias e a conciliación. Tamén está listo para adxudicar o aglomerado integral de Sigüeiro, dotado con 300.000 euros para mellorar o estado das rúas, a seguridade viaria e a mobilidade no núcleo urbano.
O novo Local Social de Oroso, cun investimento de 300.000 euros, xa está adxudicado e pendente de formalización. A actuación permitirá dar resposta a unha demanda histórica da parroquia e reforzar os espazos destinados ao encontro, á convivencia e á actividade veciñal. A esta obra sumarase, despois do verán, as sendas no Cachopal, en Valverde e no Barral, cun orzamento de 350.000 euros para mellorar a mobilidade peonil e a conexión segura entre núcleos rurais.
O alcalde de Oroso, Alex Doval, salientou que “estamos diante dun volume de investimento excepcional para Oroso e, sobre todo, dunha carteira moi diversa de proxectos que terá un impacto directo na vida diaria da veciñanza, tanto en Sigüeiro como nas parroquias”.
Unha das principais intervencións será a transformación do Parque do Carboeiro, cun investimento de 1,1 millóns de euros ao abeiro do Plan Hurbe da Xunta de Galicia. O prazo de presentación de ofertas remata este mércores, 15 de xullo. O proxecto permitirá seguir poñendo en valor este espazo como unha gran zona verde e de lecer de referencia para a veciñanza.
A carteira inversora inclúe igualmente a mellora dos parques empresariais, cun investimento de 150.000 euros e actualmente en proceso de licitación, para reforzar a súa competitividade, imaxe e servizos. Nesa mesma fase atópase o proxecto de refuxios climáticos da Xunta de Galicia, dotado con 83.000 euros para adaptar os espazos públicos ás novas necesidades ambientais e crear zonas máis amables e confortables.
Tamén está en licitación o novo parque infantil da Praza Alexandre Bóveda, coñecida como Chinto, cun investimento de 100.000 euros para renovar os equipamentos de xogo e ofrecer ás familias un espazo máis seguro e moderno. Pola súa banda, as infraestruturas en común con Frades, cun orzamento de 100.000 euros, licitaranse proximamente dentro da colaboración intermunicipal para mellorar servizos e dotacións compartidas.
Completan a planificación o parque canino de Porto Avieira, unha actuación da Xunta de Galicia dotada con 50.000 euros que se licitará proximamente, e un investimento de 30.000 euros en mobiliario urbano sostible para renovar e incorporar novos elementos nos espazos públicos do municipio.
Doval subliñou que “o importante non é só anunciar obras, senón conseguir que avancen, se liciten, se adxudiquen e acaben converténdose en realidades ao servizo da veciñanza”. “Esta planificación demostra que Oroso ten unha folla de ruta clara, con investimentos que atenden necesidades moi diferentes e permiten seguir mellorando o municipio de forma equilibrada”, concluíu.
Oroso entra así nunha nova fase de investimento público, cunha planificación ampla e diversa para o que resta do ano e actuacións que xa percorren os distintos pasos administrativos necesarios para facerse realidade.



