O Concello de Melide recepcionou esta mañá, na Rúa do Pilar, as obras correspondentes ao proxecto de mellora da pavimentación e da seguridade viaria da rúa Alfredo Álvarez González e doutras 13 vías do municipio.
A actuación foi executada pola empresa Excavaciones Santiños, S.L., cun investimento de 298.749 euros, ao abeiro dun convenio entre o Concello de Melide e a Deputación da Coruña, co obxectivo de mellorar a pavimentación e reforzar a seguridade viaria en diferentes rúas e camiños do municipio.
As obras permitiron actuar na rúa Alfredo Álvarez González, no camiño do Meire, no camiño de Cabanelas, no acceso á cooperativa, na rúa Alcalde Andrés Rodríguez Martínez, no camiño Arribas, no camiño de Gondolín a Garea, na rúa Juan XXIII, na rúa Sofía Casanova, na rúa Pastor Barral Camoiras, nas rúas Bocelo e Rañado, na rúa Pilar e na rúa San Salvador.
As actuacións adaptáronse ás necesidades de cada infraestrutura. Na rúa Alfredo Álvarez González levouse a cabo a renovación do firme e a ampliación da calzada; no camiño do Meire, a repavimentación do vial; no camiño de Cabanelas, a ampliación da plataforma; e no acceso á cooperativa, a execución dun sobreancho para facilitar o xiro e manobra dos camións.
Na rúa Alcalde Andrés Rodríguez Martínez, no camiño Arribas, no camiño de Gondolín a Garea, na rúa Juan XXIII, na rúa Sofía Casanova, na rúa Pastor Barral Camoiras, nas rúas Bocelo e Rañado e na rúa San Salvador renovouse o firme, mentres que na rúa Pilar acometeuse unha ampliación da plataforma viaria.
Os traballos incluíron, segundo as necesidades de cada zona, a preparación das superficies, a limpeza e apertura de cunetas, o estendido de saburra, a pavimentación con mestura bituminosa en quente, a adaptación de rexistros e a renovación da sinalización horizontal.
O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, destaca que “con esta actuación mellóranse as condicións de circulación e seguridade en distintas zonas do municipio, tanto en rúas do núcleo urbano, como en camiños que dan servizo á veciñanza e ás explotacións e instalacións situadas no rural”.




