PUBLICIDADE

Licitada a restauración das marismas da Enseada de Mera por 5,5 millóns de euros

A restauración das marismas enmárcase no Proxecto LIFE de zonas húmidas da Unión Europea.A restauración das marismas enmárcase no Proxecto LIFE de zonas húmidas da Unión Europea.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico licitou por 5.498.646,03 euros a restauración das marismas da Enseada de Mera, na ría de Ortigueira. Esta actuación, licitada a través da Dirección Xeral da Costa e o Mar, enmárcase no Proxecto LIFE de zonas húmidas da Unión Europea.

O obxectivo é recuperar a funcionalidade ecolóxica de máis de 50 hectáreas de superficie da marisma de Mera, restablecendo a súa conexión coa dinámica natural da ría. Para iso, eliminaranse os elementos artificiais que alteran o funcionamento do humedal, especialmente os de antigas instalacións acuícolas que xa non se atopan en funcionamento. A recuperación do intercambio natural de auga coas mareas permitirá mellorar as condicións ambientais da marisma e favorecer a rexeneración dos seus hábitats.

Unha das principais actuacións será o desmantelamento dos diques, terrapléns e outras estruturas que fragmentan actualmente o espazo. Isto suma unha lonxitude acumulada próxima aos tres quilómetros.

PUBLICIDADE

O proxecto contempla tamén a retirada de máis de 48.000 metros cúbicos de pedra, terra e bloques de formigón. Asemade, procederase á demolición de comportas metálicas e de formigón que presentan un avanzado estado de deterioración.

Esta intervención permitirá recuperar a circulación das augas e reducir os efectos do estancamento sobre os fondos e ecosistemas da marisma. As empresas interesadas en executar as obras poderán presentar as súas ofertas ata as 12:00 horas do 8 de setembro de 2026.

Efecto da restauración na biodiversidade

A restauración terá tamén unha importante dimensión de recuperación da biodiversidade. A Enseada de Mera forma parte da Rede Natura 2000 e constitúe un espazo de especial valor para as aves acuáticas. Neste sentido, os traballos buscarán favorecer a recuperación da vexetación autóctona propia dos ambientes salinos e intermareais.

A maiores, o proxecto incorpora actuacións para controlar a expansión de especies vexetais invasoras. Asemade, inclúe un programa de seguimento ambiental destinado a avaliar a evolución da calidade da auga, dos sedimentos, da fauna e dos hábitats durante e despois das obras.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.