O Partido Popular de Galicia arrincou o curso político coa mirada posta nos vindeiros retos electorais e cunha exhibición de forza que xuntou a un milleiro de militantes e simpatizantes. O presidente dos populares galegos, Alfonso Rueda, fixo un chamamento pechado á “unidade”, á “humildade” e ao “traballo” como as únicas receitas para revalidar a confianza dos cidadáns, contrapoñendo o modelo de xestión e “sentidiño” do PPdeG fronte á submisión dos socialistas galegos a Pedro Sánchez e ao “non a todo” do nacionalismo rupturista.
O tradicional acto, celebrado no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade, serviu de escaparate para mostrar a cohesión interna dun partido que se reivindicou como “moderno, unido e centrado na xente”. Rueda estivo arroupado polas máximas figuras do partido, incluíndo o líder nacional, Alberto Núñez Feijóo; o presidente honorífico do PPdeG, Mariano Rajoy; o secretario xeral nacional, Miguel Tellado; e a secretaria xeral autonómica, Paula Prado, ademais do líder provincial Luis López e o alcalde anfitrión, Jorge Cubela.
Galicia como dique de contención e motor do cambio
Durante a súa intervención, Rueda subliñou que os populares galegos “non miran o calendario, miran á xente e resolven problemas”, marcando distancias coas forzas da oposición que, ao seu xuízo, só buscan “crispar e berrar”. O líder autonómico lamentou que o PSdeG-PSOE sexa incapaz de defender os intereses xerais da comunidade, acusándoos de “dicir que si a todo o que di Sánchez, aínda que prexudique a Galicia”. Así mesmo, ironizou sobre aquelas formacións sen representación no territorio que “seguen sen entender por que aquí non teñen presenza”, en clara alusión á desconexión desas siglas coa realidade social galega.
Pensando na clave nacional, Rueda garantiu que o PPdeG está totalmente “listo para que se acabe este pesadelo” do Goberno central, asegurando que a estrutura galega traballará sen descanso para levar a Alberto Núñez Feijóo á Moncloa tan pronto como se convoquen as eleccións xerais.
Obxectivo: consolidar o mapa municipal
No tocante ás vindeiras eleccións municipais, o presidente do PPdeG instou as bases a perfilar equipos con “ilusión” e “forza”. Rueda pediu á militancia “non renunciar a nada” co obxectivo de consolidar os actuais gobernos locais e mellorar os resultados naquelas prazas onde sexa necesario recuperar a confianza maioritaria, reivindicando a política a pé de rúa e a escoita activa como acenos de identidade do proxecto popular.
Pola súa banda, a dirección do Partido Popular de Galicia reafirmou a través das súas canles oficiais o éxito dunha xornada que sitúa a Galicia, unha vez máis, como o gran referente de estabilidade e o motor político do centro-dereita en toda España.

Feijóo comprometeuse con Galicia
Feijóo non quixo limitar a súa intervención a unha proclama electoral, senón que debuxou unha folla de ruta nítida cunha batería de promesas estratéxicas para Galicia, hoxe prexudicada polos incumprimentos do Executivo central. O líder popular asumiu tres grandes compromisos específicos que marcarán a axenda do seu futuro Goberno:
Infraestruturas estratéxicas, mellora das conexións entre Lugo e Ourense, sacar do aillamento ferroviario a Ferrol, e melonar as autovias.
Un financiamento custo para Galicia, con criterios claros e non perxuciais para España e Galicia
A potenciación da industria e impulso de investimentos produtivos e a creación de marcos fiscais atractivos para consolidar o tecido empresarial galego, con especial atención aos sectores da automoción, o naval e as enerxías renovables
O líder do PP contrapuxo a “seriedade, o sentidiño e a estabilidade institucional” que caracterizan á política galega coa incerteza que se vive a nivel nacional. Coa vista posta no Goberno de España, Feijóo deixou claro que o peso político de Galicia volverá estar presente nas grandes decisións do Estado, garantindo que as reivindicacións históricas dos galegos deixarán de ser relegadas.


