PUBLICIDADE

O Concello de Melide aproba a licitación das obras do aparcadoiro da avenida da Habana por máis de 316.000 euros

PorBisbarra

Xoves, 17 Setembro 2026 , , ,
As obras teñen un prazo de execución previsto de catro meses e inclúen a pavimentación do espazo, a reorganización dos accesos e melloras na accesibilidade, no alumeado e na recollida de augas pluviais

O Concello de Melide aprobou hoxe, na Xunta de Goberno Local, a licitación das obras de acondicionamento do aparcadoiro da avenida da Habana, incluídas no POS+2025 da Deputación da Coruña. A actuación conta cun orzamento de licitación de 316.662,52 euros e un prazo de execución previsto de catro meses. A contratación tramitarase mediante un procedemento aberto simplificado.

O proxecto desenvolverase nunha parcela de titularidade municipal de 5.334 metros cadrados que actualmente se utiliza como aparcadoiro en superficie, pero que carece dunha ordenación formal das prazas de estacionamento, dos itinerarios interiores e dos accesos. O terreo presenta tamén restos dunha urbanización que non chegou a completarse, con tramos de pavimento deteriorados e deficiencias na evacuación das augas pluviais.

A intervención contempla a ordenación integral da parcela para o seu acondicionamento como aparcadoiro público en superficie. Para iso, executarase unha nova pavimentación con aglomerado asfáltico, procederase á delimitación das prazas de estacionamento e reorganizarase a circulación interior.

PUBLICIDADE

O proxecto establece unha entrada e unha saída diferenciadas tanto na avenida da Habana como na rúa Bispo Varela, co obxectivo de ordenar os movementos dos vehículos e reducir os conflitos nas manobras. Pola súa banda, a rúa Peregrinos manterá o seu carácter de vía de uso prioritariamente residencial e quedará excluída do sistema xeral de accesos e saídas do aparcadoiro. Esta medida permitirá evitar a sobrecarga de tráfico nesta vía e protexer o contorno inmediato da capela de San Roque.

As obras incluirán tamén a execución dunha nova rede de drenaxe e recollida de augas pluviais e a instalación de alumeado exterior con luminarias de tecnoloxía enerxeticamente eficiente. O tratamento perimetral incluirá franxas axardinadas xunto ás medianeiras existentes, co obxectivo de mellorar a integración paisaxística do aparcadoiro e reducir o impacto visual destes paramentos. Ademais, acondicionaranse os itinerarios peonís e os puntos de cruzamento seguindo criterios de accesibilidade universal.

A actuación enmárcase na estratexia municipal de mellora e rexeneración dos espazos urbanos, seguindo criterios de continuidade dos pavimentos, accesibilidade universal, ordenación do tráfico e integración co contorno, en consonancia con outros proxectos de reforma e posta en valor dos espazos públicos impulsados polo Concello de Melide

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.