PUBLICIDADE
Vanesa Pereiro, nova presidenta da patroal arzuá

A Asociación de Empresarios da Comarca de Arzúa (AECA) inicia unha nova etapa marcada por un cambio histórico no seu liderado e cargada de ilusión e compromiso co futuro. A Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada onte á noite no Multiúsos Terra do Queixo resolveu o baleiro de poder que ameazaba con paralizar a entidade. Tras expirar o prazo oficial sen ningunha candidatura rexistrada para coller o relevo do presidente saínte, Diego José Valiño, a orde do día contemplaba a suspensión da actividade. Porén, a valentía e o compromiso de varias asociadas, que deron un paso adiante na propia sala para presentar unha listaxe voluntaria, logrou o apoio unánime do colectivo e transformou un momento crítico nun proxecto totalmente renovado.

Por primeira vez en máis de 35 anos de historia, AECA estará presidida por unha muller: Vanesa Pereiro Couso. O sector do comercio de proximidade —un dos motores estratéxicos da vila— asume o protagonismo nun equipo cunha clara maioría feminina. A xunta entrante recibe a xestión coas contas do colectivo saneadas e con débeda cero, un escenario óptimo para afrontar con garantías as vindeiras campañas de dinamización comercial de outono e Nadal, así como os grandes retos estruturais do empresariado arzuán.

A nova dirección de AECA queda conformada polas seguintes persoas:

PUBLICIDADE

• Presidencia: Vanesa Pereiro Couso (Estrenas Zapatería)

• Vicepresidencia: Ana García Pardo (Arzugráfica)

• Secretaría: Carmen González Seoane (Chorima Perfumería)

• Tesourería: Ana María Rodríguez Ramos (Miss Zapatos)

• Vogalía: Lucía Carreira Pazos (Librería Anagrama)

• Vogalía: Rubén Montero Alcobre (Fogar de Lecer Turismo Rural)

Alén das accións comerciais inmediatas, a nova xunta directiva asume a xestión cunha folla de ruta clara, ambiciosa e de forte carácter reivindicativo. Entre os seus obxectivos estratéxicos destaca a promoción integral de Arzúa e das súas empresas como referentes de calidade dentro e fóra da comarca. Para logralo, o equipo considera fundamental pór en valor e visibilizar o intenso traballo que se está a realizar desde a xerencia do Centro Comercial Aberto (CCA) de Arzúa, unha actividade que consideran clave para a supervivencia, modernización e dinamización de todo o tecido comercial.

Nesta nova etapa, AECA tamén buscará unha maior implicación institucional. A directiva solicitará formalmente ao Concello de Arzúa a concesión dun local asociativo propio que sirva como punto de encontro, formación e asesoramento para o empresariado, ao tempo que reclamará un incremento nas axudas e subvencións públicas para impulsar novos proxectos económicos na vila. Con este impulso, a asociación fai un chamamento a veciños e visitantes sobre a importancia de consumir no comercio local, lembrando que apoiar a quen levanta a persiana cada día é a mellor estratexia para manter viva a economía e o emprego en Arzúa.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.