A Deputación da Coruña destina este ano 5 millóns de euros á nova edición de MercaNaVila, o programa de apoio ao comercio local dos pequenos concellos da provincia, impulsado en colaboración coa Federación Galega de Comercio.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, presentou hoxe a nova edición acompañado pola deputada Avia Veira, a deputada de Emprego e Política Demográfica, Rosa Ana García, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas.
A campaña permitirá que cada persoa maior de idade dispoña dun bono descargable de 100 euros en descontos para realizar compras nos establecementos adheridos dos concellos de menos de 20.000 habitantes entre o 20 de outubro e o 20 de novembro.
Formoso enmarcou MercaNaVila na política da Deputación de apoio aos concellos pequenos e de fomento da súa actividade económica e social. “O comercio local é unha peza fundamental para manter vivos os nosos concellos, especialmente no rural. Non falo só de actividade económica e emprego, senón tamén de servizos, de proximidade e de vida nas nosas vilas. Nun momento no que o pequeno comercio afronta dificultades como a perda de poboación ou a competencia das grandes plataformas de venda online, as administracións temos que estar ao seu lado con medidas concretas e recursos que contribúan a manter abertos os pequenos comercios de toda a vida”.
O presidente destacou que os 5 millóns de euros destinados á campaña “chegarán directamente ás tendas, aos pequenos negocios e ás rúas das nosas vilas” e servirán para incentivar o consumo de proximidade nun momento no que hai cada vez máis compras online. “Queremos que estes bonos animen a mercar no comercio local, que o diñeiro quede nos nosos concellos”, sinalou.
A través do programa MercaNaVila, as persoas maiores de 18 anos poderán beneficiarse de descontos acumulables de ata 100 euros. As bonificacións aplicaranse directamente no momento da compra, con descontos de entre 10 e 30 euros, en función do importe do ticket.
Os bonos poderán ser utilizados por calquera persoa, independentemente do seu concello de residencia, sempre que realice a compra nun dos establecementos adheridos situados nos municipios participantes. Desta maneira, a Deputación busca tamén atraer consumo cara ás pequenas vilas e incrementar o volume de negocio do seu tecido comercial.
Formoso destacou que o pequeno comercio desempeña unha función que vai máis alá da actividade económica. Neste sentido, subliñou que MercaNaVila forma parte dunha estratexia provincial máis ampla para favorecer o equilibrio territorial e apoiar aos municipios de menor dimensión, especialmente aqueles que teñen máis dificultades para desenvolver por si mesmos grandes campañas de dinamización económica.
Plan para potenciar o comercio nas vilas medianas
Ao mesmo tempo, Formoso avanzou que a Deputación buscará acordos coas asociacións de comerciantes dos concellos de entre 20.000 e 50.000 habitantes para impulsar programas específicos de apoio ao comercio local adaptados ás características destes municipios. “Queremos estender esta política de apoio a todo o territorio, pero facéndoo da man do sector e deseñando medidas que respondan ás necesidades reais de cada tipo de concello”, sinalou.
Máis de 16 millóns en vendas na primeira edición
A nova convocatoria de Mercanavila chega despois do éxito acadado en 2025. Na primeira edición descargáronse máis de 93.000 bonos, realizáronse máis de 293.000 operacións comerciais e participaron 1.080 establecementos.
En total, a campaña permitiu mobilizar máis de 16 millóns de euros en vendas no comercio local, multiplicando así o impacto do investimento realizado pola Deputación.
“Os datos demostraron que este programa funciona e que cada euro público investido é capaz de xerar un efecto multiplicador sobre a economía local”, afirmou Formoso, que destacou que a nova edición pretende consolidar este impacto e chegar a máis negocios e consumidores.





