A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao alcalde de Touro, Jesús Reboredo e a directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, supervisaron as obras de rehabilitación de dúas vivendas no Concello de Touro que contaron cun apoio da Xunta de 115.000 euros para a súa rehabilitación dentro das axudas do Goberno galego para a rehabilitación de edificacións e vivendas de titularidade municipal, que mobilizan un investimento de preto de 200.000 euros.
A primeira das actuacións foi nunha casa en Quintás 22- Enquerentes que será destinada a vivenda muncipal tras unha actuación que contou cunha achega de 50.000 euros por parte do Goberno galego. A intervención, cun custo total de máis de 81.000 euros, permitiu realizar unha rehabilitación integral do inmoble co obxectivo de mellorar as súas condicións de habitabilidade, accesibilidade e eficiencia, e incorporalo ao parque público residencial do municipio.
Entre as actuacións executadas destaca a creación dunha nova distribución interior, coa habilitación de estancias destinadas a dormitorios e sala de estar, así como a ampliación da superficie útil do cuarto de baño. Tamén se levou a cabo a substitución integral dos sanitarios, do mobiliario da cociña e dos electrodomésticos.
As obras incluíron igualmente a rehabilitación dos materiais de revestimento dos solos das paredes ademais de actuacións de illamento da edificación mediante SATE nas fachadas e illamento na cuberta pola cara superior do forxado.
Do mesmo xeito, executáronse novas instalacións de fontanaría, electricidade e saneamento, completando unha intervención integral que permitirá poñer a disposición das familias unha vivenda municipal renovada e adaptada ás necesidades actuais.
Por outra banda, a delegada tamén coñeceu a actuación levada a cabo na vivenda situada en Empalme-Vilar, que permitiu acometer unha renovación integral do inmoble. A intervención contou cun orzamento máis de 100.000 euros, dos que a Xunta achegou 65.000 euros que permitiron mellorar de maneira integral as súas condicións de habitabilidade, confort e eficiencia.
Os traballos incluíron a demolición interior con novas divisións, así como a rehabilitación dos solos e das paredes. Tamén se realizaron actuacións de illamento da edificación e se substituíu o forxado da cuberta.
A rehabilitación incluíu nas dúas vivendas igualmente a renovación das carpintarías interiores e exteriores, coa instalación de vidros illantes e persianas así como a substitución integral dos sanitarios, do mobiliario da cociña e dos electrodomésticos.
Ademais, executáronse novas instalacións de fontanaría, electricidade e saneamento, completando así unha intervención integral que permite dispoñer dunhas vivendas renovadas e adaptada ás actuais necesidades de confort e eficiencia.



