A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, realizou hoxe unha visita institucional ao concello de Frades, na que estivo acompañada polo alcalde, Roberto Rey, e os concelleiros de Sanidade, Manuel Ferreiro, e Cultura, Juan Carlos Portos. No marco desta visita, Prieto coñeceu dúas actuacións levadas a cabo no núcleo de Ponte Carreira: tanto as melloras viarias realizadas na contorna da praza (ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público) como as de eficiencia enerxética do centro de saúde (a través da Orde de subvencións para actuacións deste tipo cofinanciadas con fondos europeos).
A Orde de infraestruturas de uso público permite aos concellos de menos de 30.000 habitantes crear e mellorar infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. A estes mesmos municipios e nestas mesmas instalacións tamén vai dirixida a Orde de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética para contribuír á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático.
Mellora viaria
Así, o Concello de Frades investiu case 45.000 euros na mellora de viarios na contorna da praza de Ponte Carreira. As obras consistiron na mellora da capa de rodaxe dos viarios que rodean a praza pública de Ponte Carreira cun aglomerado de 3 centímetros, previo bacheo da zona. A maiores, construíronse dúas beirarrúas de formigón coloreado, de 70 e 110 metros cadrados de superficie, baixo as que se canalizou a recollida de augas pluviais mediante a correspondente tubaxe, arquetas sumidoiro e pozos de rexistro. Estas novas beirarrúas dan continuidade a outras xa existentes e permiten a conexión da praza coa travesía de Ponte Carreira, á altura do Supermercado Claudio, e sobre todo a conexión da praza co centro sociocomunitario de Frades.
Centro de saúde
No caso do centro de saúde de Ponte Carreira, o Concello de Frades e a Xunta de Galicia investiron máis de 150.000 euros nunhas obras de eficiencia enerxética que incluíron a incorporación dun sistema de estanqueidade e illamento térmico entre carpintaría e obra, mediante aplicación dunha espuma adhesiva autoexpansiva elástica de poliuretano e a substitución da carpintaría exterior acristalada por carpintaría de aluminio con rotura de ponte térmico con vidro dobre de baixa emisividade térmica.
Tamén se colocou unha nova luminaria circular central, con lámpada LED suspendida, e outras luminarias LED de apoio. Ademais, instalouse un sistema de bomba de calor, con catro unidades interiores de aire acondicionado, e rehabilitouse enerxeticamente a fachada e o falso teito continuo a través dun illamento termoacústico de lá mineral.




