O Concello de Arzúa, a través da Concellería de Turismo, Promoción Económica e Acción Urbana que dirixe Begoña Balado, celebrará o vindeiro 8 de decembro unha nova edición do Día do Comercio Local, na que participarán 41 establecementos de comercio e hostalaría. A iniciativa busca dinamizar a actividade económica da vila e animar tanto á veciñanza como ás persoas de toda a comarca a aproveitar o ponte festivo para achegarse a Arzúa, realizar as súas compras de Nadal e gozar dunha xornada de lecer, gastronomía e animación nas rúas.
A programación terá un marcado protagonismo gastronómico, xa que cada establecemento de restauración participante ofrecerá unha tapa especial con motivo da celebración. A proposta completarase con actuacións de músicos locais nos diferentes establecementos, que contribuirán a crear un ambiente festivo ao longo da xornada.
A música tamén estará presente na feira quincenal, que coincidirá coa celebración do Día do Comercio Local, coa animación da charanga Os Támega, encargada de poñer ritmo e alegría ao ambiente feiral. Ademais, organizaranse diferentes actividades e obradoiros para todos os públicos, co obxectivo de converter esta data nunha oportunidade para desfrutar de Arzúa e apoiar o seu tecido comercial e hostaleiro.
A concelleira Begoña Balado reuniuse este martes na antiga Casa de Correos con representantes dos establecementos participantes para presentarlles todos os detalles da nova edición. Durante o encontro deuse a coñecer a programación da xornada, explicouse a mecánica do sorteo e resolvéronse as dúbidas sobre o funcionamento da campaña. A reunión serviu tamén para entregarlles aos negocios o material promocional, entre o que se incluían carteis e vales.
Un dos grandes atractivos desta edición será o sorteo dunha viaxe para tres persoas a Disneyland París. Poderán optar a este premio todas as persoas que, durante a campaña, realicen compras ou consumicións por importe superior a 10 euros nos establecementos adheridos. O sorteo celebrarase de forma presencial o 8 de decembro ás 20.30 horas na Praza de Galiza, como peche da xornada.



