O Concello de Santa Comba vén de sacar a licitación as obras de mellora na pista que conecta o lugar de Vilar de Arriba coa estrada provincial, na parroquia da Pereira. A intervención conta cun orzamento máximo de licitación de 43.730,30 euros (IVE incluído) e inclúese no POS+ 2026 adicional.
A obra mellorará unha vía de uso habitual para a veciñanza e súmase aos proxectos que o goberno municipal ten en marcha para renovar as infraestruturas do concello, con especial atención aos accesos aos núcleos rurais.
Estas intervencións buscan facilitar os desprazamentos e reforzar a seguridade viaria, atendendo ás necesidades de quen utiliza estas conexións a diario para acudir ao traballo, aos centros educativos ou aos servizos básicos.
Prazo de presentación de ofertas
O prazo para que as empresas interesadas presenten as súas propostas estará aberto desde mañá, xoves 8 de outubro, ata o vindeiro 17 de outubro (ambos incluídos), ao dispor de dez días naturais para a entrega de documentación. Unha vez formalizado o contrato e asinada a acta de comprobación do replanteo, a empresa adxudicataria disporá dun prazo de execución de tres meses para completar os traballos.



