PUBLICIDADE

Cerceda impulsa un novo paquete de obras de máis de 470.000 euros que chegará a múltiples núcleos do municipio

A contratación en obras do goberno municipal medrou un 82,7% en 2024 e un 101,9% en 2025 con respecto ao 2023

O Concello de Cerceda executará un novo paquete de obras, cunha serie de actuacións en múltiples zonas do termo municipal que mellorarán pistas, sendas e diversas infraestruturas. Os oito contratos, que se canalizan dentro do POS+ da Deputación, suman un importe conxunto de máis de 470.000 euros. Cinco deles xa están adxudicados e os tres restantes atópanse en fase de licitación.

 A maior parte das intervencións céntrase na mellora da rede viaria municipal. Actuarase na pista da Capela á Parada e nos accesos a Coence e Lavandeiras. Tamén haberá obras no acceso ao Redondelo, nos viarios de Ubal, Gustovedro, o Castelo e Sartego, no do Barreiro ás Cavadas e nas pistas de Cardiña, Picardel, Belsar e entre Folgar e Cerdeira, entre outros. A iso súmanse os accesos a Cabalar e á Costiña, o treito Portos-Gosende e o acceso á parte traseira do cemiterio da Silva.

 No eido da seguridade viaria e da mobilidade peonil, executarase unha nova senda en Piñeiro e outra no acceso ao Concello. Ademais, melloraranse as beirarrúas da avenida da Paz, na Silva, e renovarase a sinalización nos treitos Meirama-Carral e Cerceda-A Laracha. O paquete complétase co saneamento en San Vicenzo.

PUBLICIDADE

 O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, destacou que “con este novo paquete seguimos chegando a todos os recunchos do municipio, con obras pensadas para mellorar o día a día da veciñanza, desde as conexións entre núcleos ata a seguridade dos peóns”. O rexedor subliñou que “coidar a nosa extensa rede de viarios e seguir ampliando servizos básicos como o saneamento é unha prioridade para este goberno”.

 ESFORZO EN INVESTIMENTOS

Este novo paquete chega despois de que a contratación en obras do Concello se incrementase en 2024 un 82,7% con respecto ao 2023, e en 2025 un 101,9%, máis do dobre. Ese pulo traduciuse en novas sendas e beirarrúas, na ampliación da Escola Infantil Municipal Os Pillabáns, na mellora de edificios municipais, na extensión do saneamento e en dúas depuradoras.

Tamén se investiu en tres terreos de xogo para a práctica do fútbol, en accesos a núcleos e na mellora de parques infantís, así como na modernización da rede viaria municipal, entre outras moitas actuacións.

 “Estamos convencidos de que o dato de 2026, no que participarán tamén as actuacións que hoxe anunciamos, vai ser igualmente moi satisfactorio”, concluíu Rodríguez.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.