PUBLICIDADE

Teatro e literatura abren a programación de novembro do ‘Outono a escena’ de Arzúa

A programación de novembro de 'Outono a Escena' de Arzúa comeza este venres coa representación 'Nas Nubes'A programación de novembro de 'Outono a Escena' de Arzúa comeza este venres coa representación 'Nas Nubes'

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza para esta fin de semana, as dúas primeiras actividades do mes de novembro incluídas na programación cultural Outono a escena que está a dinamizar as fins de semana outonais con actuacións de artes escénicas, música e cine para todos os públicos.

O certame ofrece, este venres 6 de novembro, outra sesión dos chamados Venres na capela que achegan propostas para público adulto. Neste caso contarase co espectáculo cómico Nas nubes da compañía Redrum Teatro.

Trátase dunha peza cómica e provocadora que aborda con humor e ironía cuestións esenciais sobre o impacto da tecnoloxía na vida humana, a identidade e a memoria colectiva. Nunha sociedade que avanza rapidamente cara á dixitalización total e na que a tecnoloxía penetra en cada aspecto da nosa existencia, esta obra eríxese como unha crítica reflexiva e, ao mesmo tempo, unha advertencia sobre as consecuencias dunha desconexión progresiva co humano. Baixo a dirección Alex Sampayo e con Xúlio Abonjo, Carlota Mosquera e Guillermo Carbajo no elenco artístico, Nas Nubes explora a relación entre a tecnoloxía e a deshumanización.

PUBLICIDADE

Esta actuación terá lugar este venres ás 21:00 horas na Capela da Madanela con entrada libre e gratuíta. A apertura de portas ao público realizarase media hora antes do inicio da sesión.

Por outra banda, ao día seguinte, o sábado 7 de novembro ás 18:00 horas a Libraría Anagrama acollerá a presentación do libro Buscando a Dalia coa presenza do autor Miguel Anxo Fernández e do coordinador do club de lectura municipal, José Manuel Pampín. Esta proposta forma parte das actividades do club e está aberta a calquera persoa interesada en participar.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.