A Deputación da Coruña licitou os traballos de aglomerado do tramo que faltaba por reparar da DP-7603. As obras abranguerán desde o punto quilométrico 0,300 até o 4,200, é dicir, desde a saída da Agra de Arriba até A Pena, en Santa Mariña do Monte, xusto no punto onde rematou a anterior fase, executada en 2022. As empresas teñen ata o 12 de febreiro para presentar as súas ofertas por vía electrónica na plataforma de contratación da Deputación.
O proxecto conta cun orzamento de 414.043 euros. Consistirá na extensión dunha nova capa de rodaxe de firme aglomerado tanto na calzada como nas beiravías, cubrindo unha distancia de 3,9 quilómetros. Son os comprendidos entre a Agra de Abaixo, á saída de San Sadurniño, e algo máis adiante do mesón Os Cazadores, no lugar da Pena, en Santa Mariña. Porén, un pequeno tramo á altura de Silvalonga xa está reparado.
O prazo de execución dos traballos é de tres meses. Unha vez rematados, quedará listo todo o eixo que enlaza o centro municipal de San Sadurniño co cruzamento do Coval, en Valdoviño. Segundo o alcalde, Secundino García, a obra rematada “culminará algo polo que o Concello e a veciñanza levabamos esperando máis de quince anos“.
MELLORA DAS ESTRADAS PROVINCIAIS EN SAN SADURNIÑO
En 2011 o Concello de San Sadurniño solicitoulle á Deputación a reparación da vía e a construción de sendas peonís. Non obstante, comezouse a executar proxectos neste ámbito en 2015. Así, construíuse unha senda entre A Golpilleira e A Pena e despois aglomerouse a maior parte do tramo que cruza Santa Mariña do Monte.
Agora, co proxecto da DP-7603 xa en proceso, o rexedor sadurniñés agarda que a Deputación da Coruña tamén acometa melloras similares na outra grande vía provincial que artella o municipio, a DP-7601. Esta arranca no centro urbano de San Sadurniño e remata no Outeiro, en Igrexafeita, despois de cruzar Ferreira. “Sería ben que esa estrada tamén se aglomerase e que de paso se aproveitase para ampliar ata a Seara a senda peonil que agora remata na Camba; con case dez quilómetros de estrada”.
Neste sentido, estas peticións xa foron trasladadas á responsable provincial de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, na visita que fixo a San Sadurniño o pasado mes de setembro. Así mesmo, en relación coa rede viaria provincial en San Sadurniño, o rexedor lembra que está pendente o ancheado e a construción dunha senda peonil na DP-7302 que vai desde a Capela de Belén até Riboira. Neste caso é algo máis de quilómetro e medio e xa se fixeron as correspondentes expropiacións. Tras deseñar o correspondente proxecto, agora estase a modificar para axeitalo á afección patrimonial do castro de Riboira.




