PUBLICIDADE

A Xunta achegou case 90.000 euros á mellora dos bancos marisqueiros de San Telmo de Mugardos

A Xunta subvencionou accións para reforzar a actividade extractiva e mellorar e conservar as zonas produtivas.A Xunta subvencionou accións para reforzar a actividade extractiva e mellorar e conservar as zonas produtivas.

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou a Confraría de Pescadores San Telmo de Mugardos. Alí reuniuse co patrón maior do pósito, Borja Carbón Bayolo, co que avaliou a situación actual da confraría e as súas necesidades.

Durante a visita ás instalacións, a delegada territorial da Xunta destacou a mobilización de preto de 90.000 euros por parte do Goberno galego en apoios á confraría nos dous últimos anos. Estas foron distribuídos a través de diferentes liñas de axudas encamiñadas á realización de diversas accións destinadas a reforzar a actividade extractiva, así como actuacións destinadas a mellorar as zonas produtivas e a implantación de medidas de conservación dos recursos mariños.

Así lembrou que o pósito recibiu entre 2023 e 2024 preto de 18.000 euros para a adquisición de máis dun millóns de unidades de semente de ameixa xaponesa. O obxectivo era mellorar a produtividade dos seus bancos marisqueiros con problemas de perda de produción.

PUBLICIDADE

Ademais percibiron máis de 71.700 euros para proxectos de restauración da biodiversidade e os ecosistemas mariños mediante medidas de conservación no marco da actividade marisqueira sustentable que investiron en mellorar a biodiversidade na enseada do Baño.

NOVA CONVOCATORIA ABERTA

Aneiros lembrou durante a visita que a Consellería do Mar ten aberto ata o próximo 3 de febreiro unha nova convocatoria das axudas a proxectos colectivos, financiados polo FEMPA. A finalidade é a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante medidas de conservación no marco de actividades marisqueiras sustentables. Trátase dunha orde de subvencións destinada a confrarías, as súas federacións, organizacións de produtores e outras entidades asociativas. Conta cun orzamento de 1,9 millóns de euros para as anualidades 2025 e 2026, segundo explicou a delegada.

Poderán ser obxecto destas subvencións os proxectos colectivos que se desenvolvan na comunidade autónoma que teñan por obxecto recuperar hábitats mariños e costeiros en favor de poboacións de especies de interese marisqueiro ou que contribúan a unha mellor xestión ou conservación dos recursos biolóxicos mariños tales como actuacións de restauración da biodiversidade ou dos ecosistemas mariños incluídos bancos naturais, zonas de cría e reprodución das especies.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.