PUBLICIDADE

Ferrol aproba o proxecto de reurbanización da rúa Doctor Fleming

A reurbanización do final da rúa Doctor Fleming e comunicación peonil entre a rúa Alonso López e Ignacio Martell conta cun orzamento de 319.331 euros.A reurbanización do final da rúa Doctor Fleming e comunicación peonil entre a rúa Alonso López e Ignacio Martell conta cun orzamento de 319.331 euros.

A Xunta de Goberno local de Ferrol aprobou a modificación do Proxecto básico e de execución das obras de reurbanización do final da rúa Doctor Fleming e comunicación peonil entre a rúa Alonso López e Ignacio Martell, no barrio de Canido. O alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela, explicou que, antes de aprobar o proxecto, presentouse á asociación veciñal de Canido para que puideran realizar achegas.

Trátase da remodelación e reurbanización completa da secuencia urbana formada polo final da rúa Doctor Fleming e a súa conexión peonil coas rúas Alonso López e Ignacio Martell. “Imos recuperar o espazo público, destinado ao peón, facilitando así a mobilidade do barrio, a accesibilidade e creando un espazo de estancia para os veciños”, avanzou o rexedor. Así mesmo, apuntou que “é de vital importancia e de interese para o Concello de Ferrol mellorar a seguridade viaria tanto para a circulación de vehículos como das persoas mediante obras de urbanización nesta vía”.

DESCRICIÓN DAS OBRAS DE REURBANIZACIÓN

Así, este espazo de confluencia dos diferentes percorridos nun plano aberto, seguindo a pendente natural e suave do terreo, facilitará a comunicación dos diversos espazos que concorren nel. Á súa vez, crearase unha superficie amable, que posibilitará tanto a estancia como o paseo.

PUBLICIDADE

Permitirase unha circulación desde todos os puntos que alí acometen e en todas direccións, por iso o proxecto recolle a instalación de pavimento de formigón lavado similar ao existente nas rúas Alegre e Alonso López, xunto con despeces de zonas verdes con árbores. As árbores elixidas, Prunus serrulata kazan, son de tamaño adecuado para a súa plantación e serán de porte medio, para que non impidan a visión do espacio continuo, xerando espazos de sol e sombra.

No parterre, situado arredor do muro de contención existente, colocarase Hidrogenea paniculata de cores variadas, para consolidar o noiro e xerar unha zona verde de transición. Tamén contémplase a dotación de mobiliario urbano, situándoo onde sexa necesario e poida resultar útil. Con respecto á iluminación, o modelo elixido é similar ao existente no barrio. Son lámpadas con tecnoloxía led que estarán conectadas a un sistema de control para poder facer acendidos, agrupacións e a regulación dunha maneira individual ou grupal.

Ademais, na rúa Doctor Fleming habilitaranse 15 prazas de estacionamento e na rúa Ignacio Martell, outras 13. Asemade, o Goberno local estudará máis vías para poder habilitar prazas de aparcamento no barrio. No tocante ao orzamento, este proxecto de reurbanización ten un custe de 319.331 euros.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.