O ProxectoCobre San Rafael foi seleccionado hoxe pola Comisión Europea como Proxecto Estratéxico ao abeiro do Regulamento Europeo de Materias Primas Críticas (CRMA), dentro dunha convocatoria na que foron escollidos 46 proxectos en 16 Estados membros, entre un total de 102 solicitudes presentadas.
O proxecto, con sede en Touro-O Pino, é o único proxecto de extracción de cobre en España incluído nesta selección e conta coa dobre condición de Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) da Xunta de Galicia e Proxecto Estratéxico da Unión Europea, un recoñecemento que sitúa a Galicia no centro da estratexia europea de soberanía industrial e subministración segura de materias primas críticas.
O vicepresidente executivo da Comisión Europea para a Prosperidade e a Estratexia Industrial, Stéphane Séjourné, sinalou que “con esta segunda quenda de proxectos estratéxicos, Europa está a intensificar os seus esforzos coma nunca antes para recuperar a súa soberanía sobre as materias primas críticas. O noso enfoque é sinxelo: reducir a dependencia e aumentar a produción en Europa”.
Cobre San Rafael destaca que este recoñecemento da Comisión Europea confirma o traballo realizado durante anos para construír un proxecto de excelencia técnica, ambiental e social que responda ás necesidades estratéxicas de Europa, e subliña que Galicia ten os recursos, o talento e a capacidade para ser un actor clave na transición enerxética e na autonomía industrial europea.
Un proxecto con dobre recoñecemento estratéxico
Cobre San Rafael obtivo en xuño de 2024 a declaración de Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) por parte da Xunta de Galicia, ao superar con creces os requisitos legais: un investimento superior aos 200 millóns de euros, a creación de preto de 400 empregos directos e a contribución a cadeas de valor aliñadas cos obxectivos da UE.
Agora, coa selección como Proxecto Estratéxico europeo, a Comisión Europea recoñece que o proxecto cumpre os criterios máis esixentes en materia de seguridade de subministración, viabilidade técnica, estándares ambientais, sociais e de gobernanza, e beneficios transfronteirizos. Esta designación facilitará a aceleración dos procedementos de tramitación a través do Punto Único de Contacto establecido en cada Estado membro.
O cobre está clasificado pola UE como materia prima estratéxica e crítica, esencial para as tecnoloxías limpas —vehículos eléctricos, enerxías renovables, redes intelixentes—, así como para os sectores da defensa e o aeroespacial. O proxecto de Cobre San Rafael contribuirá directamente a reducir a dependencia europea de importacións, posicionando a Galicia como territorio produtor de cobre sostible.
Ciencia, escoita e compromiso co territorio
Cobre San Rafael propón unha operación mineira moderna e sostible para producir cobre durante os próximos 16 anos, baseada na minería de transferencia, método que permite a restauración dos ocos mineiros de forma simultánea á explotación. O proxecto foi deseñado contando con investigadores de referencia das universidades públicas galegas e españolas, e os seus resultados ambientais están verificados polo GEAMA da Universidade da Coruña.
O compromiso co territorio concretouse no Plan TERRAS -Transparencia, Ética e Responsabilidade Real Ambiental e Social-, un marco de contribución social, económica e territorial cunha dotación mínima de 45 millóns de euros durante as fases de construción e operación, contía que aumentará en función da produción e dos prezos do mercado. O plan, que incorpora os requisitos establecidos pola Xunta de Galicia e asume voluntariamente os principios da Lei de recursos naturais malia non resultar xuridicamente de aplicación, estrutúrase en catro liñas centradas en formación e emprego, apoio ás familias, conservación do sistema Ulla-Ría e impulso a iniciativas sociais e culturais. Para definir as prioridades deste investimento, Cobre San Rafael puxo en marcha “Minería así si”, un proceso de escoita cidadá independente cuxas conclusións se recollerán nun informe público.
Os responsables do proxecto mantiveron máis de 200 reunións con axentes do territorio. O impacto económico directo estimado en Galicia supera os 2.500 millóns de euros, dos cales máis do 65 % repercutirá en provedores galegos e o 42 % en empresas dos concellos da área de Touro-O Pino.



