O Concello de Ortigueira aprobou en pleno proxectos por valor de 818.516,52 euros a financiar a través do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña. Isto supón o 71% do que recibe a administración local do ente provincial, adicando o restante do orzamento a financiar gasto corrente, cun total de 324.895,08 euros.
As obras incluídas no POS son a creación dun novo parque infantil nos xardíns de Julio Davila, a mellora da rede de abastecemento no Viso, Céltigos e Loiba; melloras na pista deportiva, zonas anexas e acabados interiores no CEIP José María Lage; e o bombeo na zona portuaria de Ortigueira.
Así pois, o Concello de Ortigueira pretende adecuar a rede de abastecemento para lograr que o servizo chegue a toda a veciñanza. Así mesmo, dotará ao municipio dun parque adaptado ás necesidades da cidadanía e mellorará a imaxe do colexio.
Respecto ao POS Complementario, o Concello de Ortigueira presentou a execución de proxectos por valor de 925.000 euros, tamén aprobados en pleno. Neste sentido, trátase da renovación da rede de abastecemento e mellora da seguridade viaria na contorna da AC-862 en Espasante, a renovación de camiños en San Adrián, San Claudio, O Ermo, Devesos, Luarna, Couzadoiro e Espasante; e a reforma do semisoto do local social de San Adrián.
Se logra o 100% da contía dos proxectos presentados ao POS, o investimento ascendería a máis de 1,7 millóns de euros. Neste sentido, o Goberno local asegura que redundaría directamente na mellora da calidade de vida da veciñanza de Ortigueira.
Segundo explica o alcalde ortigueirés, Valentín Calvín, este paquete de investimentos faría de Ortigueria un lugar mellor, “no que desenvolver un proxecto de vida nunha contorna rural dotada de todos os servizos básicos e dunha calidade óptima”.
REDUCIÓN DA DÉBEDA DE ORTIGUEIRA
A maiores, o Goberno local destinará 204.790 euros a reducir a débeda que ten coa Deputación da Coruña. O obxectivo inicial do executivo ortigueirés era adicalo a gasto corrente. Neste sentido, o rexedor lamenta que “a pesar de levar case dous anos ao fronte do Concello, vémonos na obriga de seguir traballando sen descanso para sacalo da UCI na que o meteron os anteriores gobernos”. Así mesmo, salientou os impedimentos e a falta de propostas da oposición para mellorar o municipio.




