PUBLICIDADE

Ares mellorará a rúa María e o camiño rural de Malata co POS+2025

PorBisbarra

Martes, 4 Febreiro 2025 ,
Ares tamén contará con 42.383,10 euros para reforzar o departamento de Servizos Sociais.Ares tamén contará con 42.383,10 euros para reforzar o departamento de Servizos Sociais.

O pleno do Concello de Ares aprobou a proposta de investimento para o POS+2025, con dúas actuacións principais. En primeiro lugar, a mellora de servizos e pavimentos nun tramo da rúa María, cun importe total de 331.564,01 euros. En segundo lugar, o aglomerado do camiño rural de Malata, cun orzamento de 61.650,78 euros.

A estes fondos provinciais tamén se lle suman os achegados no apartado social, con 42.000 euros destinados ao programa de emerxencias municipais.

No tocante á primeira actuación, no tramo da rúa María que desemboca na Alianza Aresana, renovarase a infraestrutura de saneamento. Esta presenta problemas de obturación e lentitude de evacuación. Así, traballarase sobre o sistema de drenaxe e baixantes de pluviais e executaranse melloras na rede de alumeado e de telecomunicacións.

PUBLICIDADE

Asemade, incorporaranse pavimentos e beirarrúas novas e procederase á humanización dun espazo urbano na praza do Pozo. Este permitirá o intercambio social entre a veciñanza e contará con pavimentación diferenciada para favorecer a convivencia entre vehículos e peóns.

Toda esta intervención implicará un investimento total de 331.564,01 euros, dos cales 199.806,02 euros proceden da Deputación e 131.757,99 euros, do Concello.

En canto á segunda actuación, centrarase no rural aresán, con cargo ao POS Complementario. Así pois, impulsarase o proxecto de mellora e mantemento do camiño de Malata, en Caamouco, para reparar as irregularidades da vía e renovar a pavimentación cun novo aglomerado asfáltico, ademais da limpeza das marxes e refinado das cunetas.

A renovación do camiño de Malata contará cun orzamento de 61.650, 78 euros, sufragado con 51.565,19 euros do ente provincial e 10.185,59 euros da administración local.

REFORZO DO GASTO SOCIAL

A panorámica do POS+2025 tamén inclúe unha partida destinada integramente ao eido social de Ares. Deste xeito, o departamento de Servizos Sociais contará cunha achega de 42.383,10 euros, que xa foi aprobada previamente na sesión plenaria ordinaria de decembro de 2024. Esta centrarase no reforzo do programa de emerxencias municipais, que proporciona apoio económico ás unidades familiares aresáns en situación de vulnerabilidade.

Con estes fondos sufragaranse as necesidades básicas que se detecten no tecido social da localidade cando se atopen en situación de exclusións, dando cobertura a cuestións como a vivenda, a alimentación, a educación ou a saúde, segundo a ordenanza reguladora das emerxencias do Concello.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.