A xunta de Goberno local do Concello de Ferrol aprobou os proxectos que se van presentar ao POS+2025 da Deputación da Coruña. O concelleiro de Servizos e Zona Rural, José Tomé, avanzou que se investirá en “aglomerados que foron demandados polas asociacións de veciños do rural e que mellorarán a seguridade e a accesibilidade en varios camiños e estradas”.
Así, o Concello de Ferrol presenta ao POS+2025 os aglomerados do Camiño C-32 nas Cabazas, o da Regueira, o Camiño da Seara e estrada da Carreira. O importe total destas actuacións supera 312.000 euros. Desta contía, 275.000 euros son achega provincial, mentres que o municipio completará os 37.000 euros restantes.
En canto á achega provincial 2024, permitirá executar os aglomerados de tramos no camiño das Cruces, do Carril e da Camposa, así como o aglomerado do tramo da estrada San Cristovo-Cariño-Confurco e dos camiños C-31 e C31-A, en Covas. Neste caso, a achega da Deputación é de preto de 268.000 euros, mentres que o Concello de Ferrol sumará 19.000 euros.
En total, trátase dun investimento provincial de 543.000 euros e un complementario do ano 2025 por importe de 323.000 euros, para mellorar as redes de abastecemento e saneamento rúa Lousas, en Serantes.



