O Concello e o Club de Voleibol Aldebarán asinaron a renovación do seu convenio de colaboración co obxetivo de soster as escolas de volei e fomentar a práctica deste deporte no municipio
O Concello de San Sadurniño e o Club de Voleibol Aldebarán veñen de asinar a renovación do seu convenido de colaboración que permitirá, entre outras cousas, soster as escolas de volei e promover a práctica deste deporte no municipio. Así, Secundino García, en representación do Concello, e Juan Manuel García Cobelo, do club de volei, coa presencia do edil de Deportes, Manel Martínez, estamparon as súas firmas nun acordo que supón unha subvención de 30.000 euros do Goberno local.
A finalidade do Concello coa renovación deste apoio para fomentar o deporte do voleibol no municipio, é a de “afianzar o desenvolvemento da actividade deportiva con proxección de futuro”, indicou Secundino García, que explicou que “contamos para iso coa experiencia e a capacidade organizativa do club local en todas as actividades relacionadas coa promoción e a difucusión por toda Galicia dun deporte considerado minoritario”.
En virtude do acordo entre ambas entidades, o club ten a responsabilidade da xestión das escolas deportivas municipais durante 9 meses, ademais de concederlle ao CV Aldebarán acceso preferente, que non exclusivo, ás instalacións do pavillón municipal para adestrar e para os encontros que disputen os seus equipos nas diferentes categorías. Tamén, ofrécelle ao club o acordo a posibilidade de xestionar a publicidade estática e móbil das instalacións, como xeito de colaborar co sostemento financieiro da entidade.
Ademais, o CV Aldebarán comprométese co Concello de San Sadurniño a colaborar na organización e realización de xornadas deportivas, a implicarse nas campañas de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero e a mostrar a marca da imaxe visual do Concello en toda a cartelería, folletos e publicidade en xeral editada con ocasión do desenvolvemento de actos vencellados co deporte. Igualmente, o conxunto que milita na Superliga deberá lucir na súa equipación o logotipo do Xeoparque Cabo Ortegal.




