PUBLICIDADE

A Xunta apoia á cooperativa monferesa Aranxes con 170.000 euros para maquinaria agrícola

A cooperativa Aranxes adquiriu un novo tractor e un remolque grazas á achega autonómica.A cooperativa Aranxes adquiriu un novo tractor e un remolque grazas á achega autonómica.

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e a directora territorial da Consellería do Medio Rural, Nieves Mancebo, visitaron en Monfero a cooperativa agraria Aranxes. Esta está dedicada á produción agrícola e gandeira e vén de incorporar nova maquinaria agrícola co apoio do Goberno galego.

Aranxes recibiu o pasado ano unha axuda autonómica de 168.682 euros. Segundo explicou o responsable, Manuel Rocha, a empresa social, que conta actualmente con 17 socios, adquiriu un novo tractor e un remolque. O obxectivo desta liña da Xunta é fomentar a utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia.

Aneiros lembrou que está aberto ata o 17 de febreiro o prazo de presentación de solicitudes dunha nova convocatoria desta liña de axudas. Así pois, poden aplicar cooperativas agrarias, cooperativas de utilización de maquinaria en común, cooperativas de explotación comunitaria da terra de cinco ou menos anos de antigüidade e a sociedades agrarias de transformación.

PUBLICIDADE

Esta edición conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros e o importe das achegas poderá ser de ata o 50% dos custos elixibles. Neste sentido, poderase destinar á adquisición de nova maquinaria agrícola ou a financiar estudos técnico-económicos de viabilidade.

A delegada territorial indicou que estas axudas que se convocan con carácter anual están financiadas a través do Instrumento de Recuperación da Unión Europea (EURI) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2024-2030.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.