O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Touro acusou hoxe a través do seu voceiro, Jesús Roboredo, ao alcalde, Roberto Castro, de tratar de “chantaxear” á oposición para aprobar, dixo, un Plan de Obras e Servizos (POS) completamente diferente ao consensuado polos grupos que conforman o pleno.
Reboredo explicou que no pleno celebrado o pasado mes de xaneiro, os grupos da oposición aprobaron –con sete votos a favor e catro abstencións- unha moción que recollía as obras que deberían incluírse no POS do 2025. A sorpresa, indicou o popular, chegou cando, na comisión informativa prevía ao pleno do día 6 de febreiro, o rexedor presentou un Plan de Obras completamente modificado.
“É unha chantaxe en toda regra que os grupos da oposición non podiamos consentir. Había un acordo, o alcalde non negociou, nin presentou ningunha proposta para modificalo ata a semana antes de que se tivese que aprobar o plan”, lamentou Reboredo, quen explicou que a oposición tombou a proposta do Goberno Local cos votos en contra de 6 concelleiros e a abstención do BNG.
Tal e como indicou Reboredo, o rexedor tratou de convocar de urxencia un pleno o pasado 7 de febreiro –data tope para que as corporacións municipais aprobasen o POS-, pero atopouse coa negativa da oposición para dar luz verde a esa urxencia.
“O que buscaba con todo isto é que algún dos concelleiros non puidese acudir ao pleno e, desta maneira, botar man do seu voto de calidade como alcalde para sacar adiante a súa proposta”, afirmou o voceiro popular, quen cualificou de “inaceptable” a maneira de proceder do rexedor.
“NECESIDADE DE ENTENDEMENTO ENTRE A VECIÑANZA” DIN OS POPULARES
Ante esta situación, e á espera de saber que ocorre coa decisión do rexedor de tratar de sacar o POS a través dun decreto de Alcaldía, desde o Partido Popular de Touro insisten na “necesidade” de chegar a un entendemento polo o ben dos veciños.
“O que non pode pretender o señor Castro é impoñer as súas posicións desde a ameaza e tratando de confundir os veciños. Aquí ninguén se opón ás obras que tanto necesita o noso municipio, senón que había un acordo e é o alcalde o que o rompeu”, concluíu Reboredo.




