PUBLICIDADE

O Ames Jazz congrega durante dúas xornadas a unhas 400 persoas

A oitava edición do Ames Jazz estivo protagonizado polos recoñecidos músicos galegos a nivel internacional Álvaro Vieito, Yago Vázquez e Gloria Pavía e Rafa Morales

O Ames Jazz baixou o pano da súa oitava edición o pasado sábado, unha iniciativa organizada polo Concello de Ames que combinou diversas propostas musicais durante as noites da fin de semana. Un Ames Jazz que estivo protagonizado polos concertos dos recoñecidos músicos galegos deste xénero musical a nivel internacional, Álvaro Vieito, en trío, e Yago Vázquez, tamén en trío.

Ademais, o sábado, como unha das novidades desta edición, houbo unha sesión vermú a cargo de Gloria Pavía e Rafa Morales, e o faladoiro A situación do jazz e da música galega. Segundo a organización, nesta edición estímase que medrou a afluencia de público respecto a edicións anteriores, e preto de 400 persoas participaron nas diversas actividades do Ames Jazz.

O Pazo da Peregrina volveu ser o escenario do Ames Jazz os días 4 e 5 de xullo. O festival celebrou a súa oitava edición repetindo formato. Por cuarta vez na historia do festival tivo unha duración de dous días, e contou cos habituais concertos e cun faladoiro. Ademais, este ano como novidade houbo unha sesión vermú no establecemento hostaleiro O Transistor.

PUBLICIDADE

O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, destacou que “Ames volveu converterse durante unha fin de semana na capital galega do jazz. Para nós é vital seguir espallando cultura en todas as súas vertentes e facer que a nosa veciñanza poida desfrutar de espectáculos diversos. Dende o Concello de Ames estamos totalmente comprometidos con este festival, que ano tras ano vai sumando adeptos e mellorando as cifras de participación”.

A programación comezou o venres, día 4 de xullo, ás 22:00 horas, co concerto de Álvaro Vieito Trío, guitarrista galego afincado en Sevilla dende hai moitos anos. Trátase dun referente no mundo do jazz dentro e fóra da nosa comunidade. Forma parte desa magnífica xeración de novos jazzistas galegos que seguen o ronsel dos grandes do xénero en Galicia como Ábe Rábade, Paco Charlín ou Baldo Martínez. O artista presentou o seu novo proxecto en formato de trío.

Sesión vermú, anovidade do Ames Jazz 2025

A xornada do sábado comezou ás 13:00 horas cunha sesión vermú a cargo do dúo formado pola cantante Gloria Pavía e o baixista Rafa Morales, que se realizou no establecemento hostaleiro O Transistor. Neste concerto interpretaron temas propios pero tamén realizaron versións doutros temas clásicos baixo o seu selo persoal.

Xa pola tarde, ás 20:00 horas, houbo un faladoiro no que se debateu sobre a situación actual do jazz e da música galega. Estivo presentado pola xornalista Ana González, xornalista musical de Praza.gal, e contou coa participación de Marta Gómez, xornalista da TVG especializada no sector cultural; Manuel Gutiérrez, pianista de Jazz; e Ánxeles Porto, propietaria do pub de jazz Borriquita de Belém de Santiago.

O VIII Ames Jazz rematou a noite do sábado cun concerto de Yago Vázquez Trío, pianista vigués que actualmente reside en Nova York e que é un dos máximos representantes no mundo do jazz internacional. O artista presentou o seu novo proxecto, en formato trío, no que deleitou ao público coas súas últimas composicións. O seu ultimo disco, titulado Familia, foi seleccionado entre os 10 mellores discos do 2024 por NPR Alt. Latino.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.