PUBLICIDADE

As Festas do Apóstolo arrincarán co pregón da deportista Blanca Millán

As Festas do Apóstolo 2025 terán como pregoeira á xogadora de baloncesto Blanca Millán, no centro entre Goretti Sanmartín e Pilar LueiroAs Festas do Apóstolo 2025 terán como pregoeira á xogadora de baloncesto Blanca Millán, no centro entre Goretti Sanmartín e Pilar Lueiro

O programa das Festas do Apóstolo 2025, “diverso e descentralizado”, inclúe entre as actuacións musicais destacadas a Biznaga, Youssou N’Dour, Sés, Baiuka ou Maika Makovski

As Festas do Apóstolo 2025 botarán a andar o vindeiro venres 18 de xullo co pregón (21:30 horas, Praza do Obradoiro) que este ano correrá a cargo da xogadora compostelana de baloncesto, Blanca Millán, segundo anunciaron durante a presentación do programa esta mañá a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Festas, Pilar Lueiro.

Este ano o pregón das Festas do Apóstolo farao “unha muller nova e cunha traxectoria brillante que se suma á listaxe de grandes mulleres referentes de Compostela”, indicou Lueiro que salientou o “compromiso firme de Blanca Millán co deporte, especialmente co fomento do feminino, o que nos permite afianzar os valores de igualdade a todos os niveis”.

Blanca Millán, pola súa banda, dixo que “é unha honra e un orgullo poder abrir unhas Festas do Apóstolo que tan ben definen a Santiago, e agradezo que pensarades en min porque entendo que cren no poder inspirador do deporte en xeral e do deporte practicado por mulleres en particular”.

PUBLICIDADE

A concelleira debullou hoxe a programación dunhas festas cunha programación para todos os públicos, con conciertos como os de Biznaga, o día do pregón, Youssou N’Dour, Sés e Baiuca no fin de festa, e clásicos como o desfile dos cabezudos, alboradas, o torneo da chave e o Día do Traxe.

Ao tempo, sinalou Pilar Lueiro, “afiánzanse unhas Festas do Apóstolo que se “consolidan como diversas, descentralizadas, para todos os públicos e toda a familia“, nas que destacan a Festa Pícara, o martes 22 de xullo no parque Eugenio Granell, e o programa Compostela Cinema, con proxeccións nos barrios da cidade.

Durante a presentación do programa tamén se deu a coñecer o cartaz desta nova edición do Apóstolo, que este ano lembra ao que deseñou Castelao para as festas do ano 1912. “Este Ano Castelao non podiamos esquecer ao político que, dende o exilio, escribiu aquela ¡Compostela!: Eu vivín nove anos en Compostela cando Don Bruno tocaba o fagot, cando don Adolfo rasca o violín e remataba dicindo que foran “bos tempos” aqueles nos que tamén se graduou en Medicina e desexando volver “verche, miña Compostela”, asegurou Lueiro.

O cartaz do Apóstolo 2025 é unha reinterpretación do orixinal de Castelao, cuxa reprodución se pode ver nos corredores do propio Pazo de Raxoi ou na exposición Traxes e cores de Galiza no Colexio de Fonseca, 113 anos despois. 

Programación Festas do Apóstolo 2025

O programa cultural desenvolverase nos espazos da cidade como Galeras, Praza de San Martiño Pinario, Mazarelos, Alameda, Parque de Bonaval, A Quintana, o Obradoiro, Parque Eugenio Granell e diversas localizacións no rural

En Galeras estarán os concertos con moita música galega e en galego: Combos A casa do Rock (23), Aksak (24), Ker Cuez (25), Aida Saco (26), Francisco Castro Trío (27), Patrik García e Ginko Biloba (28), MJ Pérez (29) e Sheila Patricia (30). 

Na Praza de San Martiño Pinario, terá lugar o espectáculo Danza no Camiño, o venres 18 de xullo con compañías procedentes de Taiwan, Andalucía, Extremadura e Galicia. En Mazarelos: Peregrinos Musicais (29, 30, 31) e o domingo 27 o TradFest, que tamén estará en Bonaval

Na Alameda, as orquestras: Grupo Alcázar (18); Grupo Bomba (19); Orquestra Alianza (24); Orquestra Galilea (25); Orquestra Los Coleguitas; Orquestra Miramar (31). No Palco da música, que se recupera para as actuacións, estarán As Tareixas o sábada 19 para o público familiar

Na Quintana: Biznaga (18); Obradoiro de iniciación ás danzas urbanas e as Xornadas do Folclore (19); Día do Traxe (20); Sés (21); Youssou N´dour (22); Real Filharmonía (23); Saxos del Averno (24); Concerto Estrella Galicia con Maika Makovski (25); Lura (26); Baiuca (27); Serafín Zubiri e a BMM (30); e a Orquestra Bravú Xangai (31). 

A Praza do Obradoiro queda reservada para o Día de Padrón no que actuarán as bandas municipais

No Parque Eugenio Granell: o martes 22, a Festa Pícara con actividades dende as 12:00 horas con obradoiros, xogos populares, teatro, música… Rematará cun Concerto Tributo Lembra Xabarín ás 19:30 horas. Será unha festa con concertos accesibles mesmo para a xente xorda.

Ademais, logo do éxito de público acadado o ano pasado, programouse de novo o ciclo Compostela Cinema coas proxeccións, o sábado 26 de xullo, O amencer dos Nuggets e El orfebre de Olga Osorio, no parque Eugenio Granell, ás 20:30 e 22:00 horas, respectivamente. O domingo 27, Antes de Nós de Ángeles Huerta, na Praza da Lavacolla; luns 28 Xustiza artificial no CSC da Gracia; martes 29 de xullo Rapa no CSC de Laraño, e pecha o ciclo a proxección Os Demos de Barro en verdía o día 30.

O cartaz do Apóstolo 2025 que é unha reinterpretación do orixinal deseñado por Castelao para as festas de 1912
O cartaz do Apóstolo 2025 que é unha reinterpretación do orixinal deseñado por Castelao para as festas de 1912
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.