A Mancomunidade aprobou hoxe a actualización do convenio de colaboración co Concello de Ferrol para o cofinanciamento do persoal da Casa de Acollida, que inclúe un auxiliar coidadora e unha educadora social.
O Concello de Ferrol e a Mancomunidade suscribiron no ano 2018 un convenio de colaboración cunha vixencia inicial de catro anos, posteriormente prorrogado por outros catro, polo que finalizará de maneira improrrogable o vindeiro 7 de outubro de 2026. Coa aprobación desta actualización, o organismo supramunicipal mantén o seu compromiso coa continuidade deste servizo esencial mediante o apoio económico ao persoal especializado que traballa no centro.
Así a colaboración da Mancomunidade concretarase no cofinanciamento dos custos laborais das dúas profesionais segundo as seguintes anualidades e importes máximos: na anualidade 2026 a contía é de 41.029,88 euros; na anualidade 2027, a achega anual será equivalente ao 57,04% do gasto real executado polo Concello de Ferrol polos conceptos salariais e de seguridade social das dúas traballadoras, cun límite máximo de 58.918,73 euros e nas anualidades 2028, 2029 e 2030 o importe máximo anual determinarase no primeiro trimestre de cada exercicio, en función dos custos estimados polo Concello de Ferrol e das actualizacións previstas nos Orzamentos Xerais do Estado e na normativa aplicable.
UN SERVIZO ESENCIAL
A Casa de Acollida constitúe un servizo esencial de atención ás persoas en situación de vulnerabilidade, cunhas características específicas que requiren unha organización e uns recursos adecuados. Entre elas destaca a necesidade de trasladar ás persoas usuarias a outra localidade por motivos de seguridade, o que fai imprescindible contar con medios humanos suficientes para garantir unha atención integral e continuada.
Desde a súa posta en funcionamento no ano 1986, o Concello de Ferrol asumiu a prestación deste servizo non só para persoas residentes no municipio, senón tamén para usuarias doutros concellos, especialmente da comarca, ante a inexistencia doutro centro destas características no ámbito territorial.
Aínda que o Concello de Ferrol realizou un importante esforzo económico e contou co apoio doutras administracións, o funcionamento da Casa de Acollida precisaba reforzar os seus recursos humanos para cumprir coas ratios de persoal establecidas pola normativa. Neste contexto, a colaboración entre administracións resulta fundamental para garantir a calidade da atención e a continuidade dun recurso imprescindible para a comarca.




