PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

A sancibrá Maletas Vaguard renova maquinaria grazas ao Leader

A conselleira do Medio Rural visitou a fábrica de Maletas Vaguard, que renovou equipamento grazas a unha achega do Leader.A conselleira do Medio Rural visitou a fábrica de Maletas Vaguard, que renovou equipamento grazas a unha achega do Leader.

A empresa Maletas Vanguard, situada en San Cibrao das Viñas, adquiriu nova maquinaria no marco dunha achega do Programa Leader, co apoio do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Adercou. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, realizou unha visita ás instalacións. Así pois, percorreu a fábrica acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez. Alí puideron coñecer de primeira man a nova liña de produto que se manufacturará grazas á iniciativa impulsada por este GDR.

A nova maquinaria de Maletas Vanguard, dedicada á fabricación de marroquinería, permite adaptarse aos novos produtos que se están deseñando e contribúe a gañar en eficacia e eficiencia.

A conselleira enxalzou a importancia dos proxectos promovidos polos GDR pola súa contribución ao tecido socioeconómico da nosa comunidade. Así mesmo, puxo en valor a medida Leader, que busca impulsar o desenvolvemento rural a través dunha estratexia participativa e que ten unha repercusión “moi positiva” sobre o territorio. O programa contribúe a mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural e tamén dinamiza o tecido socioeconómico das zonas rurais de Galicia, impulsando a súa economía con proxectos que xeran postos de traballo e asentan poboación.

PUBLICIDADE

PROGRAMA LEADER

A conselleira salientou que este programa está baseado nun enfoque de abaixo cara arriba, garantindo a participación activa dos principais axentes locais nestas políticas. Gómez lembrou que durante o período no que a medida Leader estivo incluído no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, permitiu aprobar case 1.500 proxectos, consolidar máis de 3.200 empregos e crear 933 novos. Deste xeito, mobilizáronse algo máis de 169 millóns de euros, cunha axuda pública de 77,5 millóns.

Por último, a conselleira trasladou que, coa fin de seguir apoiando o impulso e a dinamización das contornas rurais da nosa comunidade, a mediados do ano pasado asinouse un convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e os GDR para a aplicación de Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo. Así, a medida Leader, que actualmente se atopa no marco do Plan Estratéxico da PAC (Pepac), está dotada con 56,9 millóns de euros ata 2027.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.