A Xunta vén de adxudicar as obras consistentes na mellora de itinerarios peonís en Lestedo, no concello de Boqueixón, por un importe de 383.521,60 euros.
Esta actuación, adxudicada á empresa Francisco Gómez y Cia, S.L., enmarcase no convenio de colaboración asinado pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o Concello coruñés, ao abeiro do Plan Hurbe da Xunta. Un plan co que o departamento que dirixe María M. Allegue, colabora coas entidades locais para a execución de obras de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.
En concreto, baixo este contrato, trátase de executar as obras necesarias para integración urbana das vivendas situadas nas proximidades do lugar de Lestedo con intervencións en dúas rúas: a rúa Castrelo e avenida do Vinteseis.
Na rúa Castrelo inclúense a renovación da beirarrúa, así como a instalación de bordo. Na marxe oposta da rúa proxéctase a construción dunha senda peonil de 120 metros de lonxitude, con bordo prefabricado tipo “xardín” no límite exterior da senda. Tamén se renovará a capa de rodaxe do viario municipal neste treito e se substituirá a sinalización.
Na avenida do Vinteseis renovarase un treito mediante a reforma das beirarrúas existentes e a execución doutras novas que dean servizo ao novo espazo de aparcamento proxectado. Levarase a cabo, ademais, a execución da rede de pluviais e os respectivos pozos de rexistro e arquetas; así como a de alumeado, coa execución da súa canalización e das correspondentes arquetas, báculos e luminarias.
O proceso de urbanización do entorno completarase coa plantación do céspede e árbores e coa colocación de mobiliario urbano.
Este contrato enmárcanse no convenio de colaboración asinado en maio entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, que asumirá o 70% do orzamento; e o Concello de Boqueixón que achegará o 30% restante.



