A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe as prestacións da retrocargadora adquirida polo Concello de Trazo o pasado ano co apoio da Xunta a través do Fondo de Compensación Ambiental. O Goberno galego achegou case 30.000 euros para a compra do equipamento, que está xa á disposición da brigada ambiental municipal para distintas tarefas relacionadas coa protección e coa recuperación do medio natural, como retirada de restos e materiais ou escavacións, entre outras.
A directora xeral salientou a importancia do Fondo de Compensación Ambiental como medida de apoio aos concellos na mellora do medio natural, o que levou o Goberno galego a reforzar a dotación deste ano a máis de 11,4 millóns de euros, fronte aos 11,2 de anteriores convocatorias.
Segundo sinalou, as accións subvencionables deben centrarse na conservación da biodiversidade, no fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e na recuperación do medio natural degradado ou contaminado. Tamén deben impulsar a eficiencia e o uso sustentable das enerxías renovables, e, en xeral a protección do medio natural. A maiores, as axudas cobren tamén os gastos do persoal vinculado.



