O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, mantiveron unha xuntanza co alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes. Durante este encontro avanzaron na colaboración entre ambas administracións en materia de formación para o emprego en ámbitos como a construción e o forestal.
Na reunión analizouse o desenvolvemento do obradoiro de emprego dual Terra de Mosteiros 2024, promovido pola Mancomunidade voluntaria de concellos da provincia de Ourense e do que se beneficia o Concello de Xunqueira de Ambía. Esta formación conta cun investimento total da Xunta de preto de 418.000 euros, que permite a formación de 20 persoas desempregadas da comarca. Así pois, céntrase en especialidades con demanda na área, relacionadas coas operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización ou de formigón, así como traballos forestais.
En canto ao programa Aprol Rural, Xunqueira de Ambía obtivo no marco da convocatoria de 2024 un apoio de máis de 48.300 euros. Neste senso, destinounos á contratación de tres traballadores para realizar tarefas relacionadas coa prevención de incendios forestais, a planificación preventiva, valorización forestal, silvicultura, limpeza de montes ou xestión da biomasa. O obxectivo é proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.




