PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

A Xunta e Ferrol reforzan colaboración en materia de emprego

PorBisbarra

Luns, 17 Febreiro 2025 , ,
O conselleiro de Emprego e o alcalde de Ferrol abordaron vías de colaboración entre ambas administracións.O conselleiro de Emprego e o alcalde de Ferrol abordaron vías de colaboración entre ambas administracións.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, reuniuse co alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, para afondar na colaboración institucional en materia de emprego e emprendemento.

González e Rey Varela abordaron posibles vías de cooperación entre ambas administracións para reforzar a xeración de emprego e o impulso das oportunidades laborais no municipio, así como para apoiar e fortalecer o tecido comercial ferrolán, un sector prioritario para a economía local e a vertebración e dinamización do territorio.

Así mesmo, na reunión tamén se trataron os avances da futura Oficina de Emprego e do Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC) de Ferrol Centro. Estará situada nas Galerías Ferrol, tras o investimento autonómico de 309.000 euros para a súa adquisición. Neste senso, o seguinte paso será a licitación este ano da redacción do proxecto de obra para a adecuación das instalacións ás necesidades operativas.

PUBLICIDADE

A través desta actuación, no marco do proceso de modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia, contribuirase a dinamizar esta zona comercial da cidade. Asemade, seguirase reforzando os servizos orientados a impulsar a empregabilidade da cidadanía, como a xestión das ofertas ou da formación para o emprego ou a orientación en materia laboral.

PROGRAMAS DE EMPREGO

Na actualidade, o Concello de Ferrol está a desenvolver proxectos apoiados pola Xunta a prol de mellorar as oportunidades laborais da veciñanza ferrolá. Entre eles sitúase o Programa Integrado de Emprego (PIE) que se desenvolve no municipio, cun apoio autonómico de 220.000 euros. Está dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción laboral das persoas demandantes de emprego con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral.

Ademais, o concello é beneficiario do obradoiro dual Lavadoiros de Ferrol, a través dunha achega da Xunta de preto de 206.000 euros. Centrado en tarefas de albanelería, nel participan unha decena de persoas que acceden a formación teórico-práctica. Ademais de favorecer a súa empregabilidade, contribúen a mellorar os servizos da súa contorna.

COMPROMISO CO EMPRENDEMENTO

Finalmente, aproveitouse o encontro para dar conta do bo funcionamento do Polo de emprendemento de Ferrol. Este leva atendido 540 proxectos desde a súa posta en marcha, consolidándose como unha figura clave de dinamización de toda a comarca.

Nesta liña, salienta que o 63% das persoas emprendedoras que se achegaron á oficina eran mulleres. En total, prestáronse case 500 titorías. No tocante aos sectores, destacan os proxectos relativos a comercio, co 21%; seguido dos servizos, cun 20%; e da hostalaría, cun 13%. En canto ás actividades, téñense realizado preto dun cento entre reunións con entidades do territorio, formacións e eventos da Rede.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.