A Xunta de Galicia, a través do organismo hidráulico Augas de Galicia, iniciará esta semana a segunda fase dos traballos de conservación e mantemento que está a executar nun tramo cualificado como área con risco potencial significativo de inundación (Arpsi) do río Belelle, ao seu paso polo Concello de Neda.
Así o anunciou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante unha visita para comprobar sobre o terreo o resultado dos traballos acometidos nos últimos meses nesta mesma zona. A representante autonómica estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.
Durante a primeira fase, os técnicos de Augas de Galicia eliminaron 1.067 m3 de sedimentos nun tramo de río de aproximadamente 200 metros, no lugar de Camiño da Ponte Grande. Grazas a esta actuación xa se logrou aumentar a capacidade hidráulica neste punto, incrementando a súa resistencia ante posibles episodios de enchentes e chuvias intensas.
Para darlle continuidade e completar estes traballos, a conselleira explicou que xa se adxudicaron as obras correspondentes á segunda fase, coa previsión de que comecen esta semana. En concreto, procederase a acometer a eliminación da estrutura dun dos azudes existentes no río e dos 50 metros de muro vertical de formigón existente na marxe dereita, así como á recuperación neste tramo do seu noiro natural.

Da mesma forma, a intervención tamén inclúe o tapado dos primeiros 5 metros das canles de derivación de auga para evitar desbordamentos. Deste xeito e unha vez retirado o azude, buscarase darlle estabilidade aos taludes de forma natural mediante a plantación de vexetación de ribeira, como bidueiros ou freixos.
REUNIÓN COA VECIÑANZA
En total, sumando os traballos de conservación fluvial e cartográficos acometidos entre 2023 e 2024 e as vindeiras actuacións programadas, o investimento realizado por Augas de Galicia será de 232.672 euros.
Neste senso, Ángeles Vázquez incidiu na importancia que teñen este tipo de traballos para a poboación, xa que permiten acadar unha xestión máis eficiente dos caudais en episodios de choiva intensa. Así, protéxense as infraestruturas máis próximas, sobre todo as vivendas, con espazos naturais que actúan como barreiras e frean o avance da auga.
De feito, despois de visitar o tramo das obras, a conselleira e a delegada territorial desprazáronse ata o local da asociación de afectados Basteiro-Belelle para manter unha reunión con preto de medio cento de veciños da zona. Neste encontro, a veciñanza trasladou ás representantes autonómicas que durante os episodios de chuvia intensa do pasado mes de xaneiro xa se percibiron os efectos positivos dos traballos executados por Augas de Galicia.
Así mesmo, cómpre subliñar que actuacións como as que se están a acometer en Neda se executan no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico da conca de Galicia-Costa e nas súas zonas de acceso e protección. O obxectivo é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais que son de responsabilidade municipal.
Só en 2024 Augas de Galicia interveu en preto de 500 quilómetros de ríos no marco deste programa. Este ano ten reservados nos seus orzamentos máis de 2,7 millóns de euros a realizar este tipo de labores noutros 550 quilómetros da mesma conca.