PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Pontón exixe a paralización da mina de Touro

PorBisbarra

Venres, 14 Febreiro 2025 , , , ,
Ana Pontón estivo acompañada polo portavoz municipal de Touro, Xoán Louzao, o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, e as deputadas Iria Carreira e Rosana Pérez.

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, reclamou a paralización da mina de Touro por constituír un “atentado contra o medio ambiente e contra o modo de vida de miles de persoas dado o enorme impacto negativo que suporía, non só para os veciños e veciñas do municipio, senón para o conxunto do país”.

Dende o propio emprazamento da explotación, que visitou en resposta a un convite da plataforma contra a mina de Touro, Pontón considerou “escandaloso e moi grave que a Xunta admita a trámite un proxecto de reapertura que, na práctica, é o mesmo que xa denegara anteriormente por razóns medioambientais”.

“En vez de denegar este proxecto de novo, porque xa foi avaliado pola Administración, a Xunta, na súa conivencia cos grandes poderes económicos que están espoliando os nosos recursos naturais, o que fai é darlle a cualificación de proxecto industrial estratéxico para facilitar a reapertura da mina”, denunciou logo dunha visita na que estivo acompañada polo portavoz municipal de Touro, Xoán Louzao, o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, e as deputadas Iria Carreira e Rosana Pérez.

PUBLICIDADE

Un proxecto que considerou un “problema tanto dende o punto de vista medioambiental como social” dado que supón a afectación dos acuíferos que non só abastecen á poboación, senón tamén a moitas explotacións gandeiras, e unha ocupación moi importante de terras que hoxe son produtivas.

A portavoz nacional lembrou que “a veciñanza tamén tería que soportar as voaduras propias deste tipo de explotacións, con todo o que iso implica non só para a súa calidade de vida, senón tamén para o propio benestar animal da produción gandeira e mesmo para as súas propias casas, nas que xa se repetirían as afeccións estruturais que xa se produciran na anterior etapa extractiva da mina”.

Avanzou que o BNG vai volver reclamar no Parlamento a paralización da explotación, logo de incidir no “sen sentido do Executivo de Alfonso Rueda ao admitir a trámite un proxecto que xa avaliou e denegou previamente, bordeando o cumprimento da propia legalidade, única e exclusivamente para darlle adiante a proxectos que arrasan co territorio e explotan os nosos recursos, sen ter en conta o impacto que teñen, neste caso, sobre o medio rural e as rías, poñendo en risco miles de postos de traballo”.

“AS AFIRMACIÓN SOBRE OS IMPACTOS NAS VIVENDAS E NA CALIDADE DE VIDA DOS VECIÑOS SON INFUNDADAS”

Dende Cobre San Rafael, explican que “as afirmacións sobre os impactos nas vivendas e na calidade de vida dos veciños son infundadas”. Engaden que “a iniciativa foi deseñada para garantir o benestar de as persoas que habitan ás vivendas próximas e engadimos medidas de seguridade rigorosas para evitar calquera impacto negativo. As tecnoloxías actuais fan posible que a minería se leve a cabo sen que se vexan comprometidos nin a estabilidade das vivendas nin a calidade de vida dos residentes. Mantivemos máis de 250 reunións cos veciños e axentes implicados para escoitar e atender as súas preocupacións de maneira transparente. Isto difire o caso da cúpula do BNG que, pese a que, en numerosas ocasións foron convidados á presentarlles este último Proxecto, nunca houbo resposta”.

 Falar de “un atentado ao medio ambiente” e “ao modo de vida de miles de persoas” é unha esaxeración irresponsable que trata de xerar unha alarma social sen base científica contrastada. Contrariamente ao que sinala o BNG, o Proxecto Cobre San Rafael non é unha ameaza para os acuíferos nin para o medio ambiente. Así o sinalan os informes independentes realizados polo IIM-CSIC sobre o Ulla así como os diversos estudos acerca do estado  das Rede de Estacións Biolóxicas da USC sobre a Ría de Arousa, concluíndo que a non afección ás súas augas.

Apunta tamén que a operación e xestión das augas será a través dun circuíto pechado, e nin devolve nin consume auga do exterior en anos pluviométricos normais. Para elo, traballa con criterios de máxima eficiencia na xestión do recurso. Os estériles de planta (o mineral sobrante do proceso de separación do metal) serán tratados adecuadamente nunha instalación que vaise construír para este proceso. O depósito de estériles está conformado por un dique construído con roca compactada e taludes suaves, cerrando un vaso completamente impermeabilizado, onde vaise depositando en finas capas as arenas húmidas procedentes do proceso de molienda do mineral. Estas arenas estériles non conteñen elementos tóxicos, senón un material que xa estaba presente no terreo de maneira natural.

 Fan especial fincapé en que “Cobre San Rafael cumpre con todos os requisitos establecidos, e o que algúns critican como unha “minaría do século XIX é, en realidade, un modelo de minería responsable e moderna, adaptado aos estándares máis esixentes”.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.