O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e a subdelegada do Goberno, María Rivas, presidiron a xunta local de seguridade, que se celebrou no edificio consistorial. Nesta convocatoria, participaron tamén as concelleiras de Seguridade, Pamen Pieltain; e da Muller, Elvira Miramontes; a vicesecretaria xeral da subdelegación do Goberno, Eva Vázquez; o comisario xefe da Comisaría de Ferrol-Narón, Javier de Loresecha; o xefe de unidad adscrito, Alejandro Maceiras; o xefe da policía local de Ferrol, José Antonio Chao; entre outros representantes dos corpos e forzas de seguridade.
No encontro, o alcalde de Ferrol abordou a situación da seguridade no municipio, prestando especial atención aos barrios de A Magdalena, Recimil, Ensanche e San Pablo. Asemade, recordouse o importante traballo coordinado que están a realizar ambas policías en diferentes operativos de seguridade nestes puntos. Neste sentido, a taxa de criminalidade baixou dúas décimas e hai unha pequena subida na taxa de resolución de delitos.
Pola súa banda, a subdelegada felicitou a ambos corpos policiais polo traballo desenvolto no municipio. A representante estatal salientou que a taxa de esclarecemento da resolución de delitos aumentou ata o 50%. Tamén recalcou as actuacións referidas ao tráfico de drogas, que aumentaron nun 35% con respecto ao ano pasado. “Isto supón unha mellora no traballo que realiza tanto a policía Local como a Nacional, un exemplo máis de como a colaboración policial reflicte no aumento da seguridade en Ferrol”, apuntou a subdelegada. De feito no último ano desenvolvéronse en Ferrol 306 dispositivos conxuntos entre policía Nacional e Local.
REUNIÓNS SEMANAIS DE SEGUIMENTO
Ademais, presentouse o protocolo de coordinación operativa entre Policía Nacional e Policía Local no que se detalla como debe actuar cada un destes corpos ante as diferentes situacións diarias que precisen dunha intervención. O obxectivo é realizar una actuación coordinada na que ambas forzas de seguridade estean informadas das mesmas. Así, preténdese optimizar os recursos policiais dispoñibles e ofrecer un servizo público de seguridade eficaz e de calidade.
En canto a dispositivos conxuntos, o protocolo establece unha reunión semanal para planificar e coordinar as actuacións dos dous corpos de seguridade. A esta asistirán responsables de cada corpo, realizaranse propostas de actuacións conxuntas e analizaranse os resultados dos servizos establecidos.
VIOGÉN
Na xunta local de seguridade informouse da renovación da adhesión do Concello de Ferrol ao sistema VioGén e informouse da convocatoria da mesa de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero nas próximas semanas.
María Rivas resaltou que Ferrol recibiu desde 2018 máis de 110 mil euros con cargo aos fondos do pacto do Estado para levar a cabo actuacións en materia de sensibilización e concienciación na loita contra a violencia de xénero. “O Goberno demostra, unha vez máis, a súa implicación co Concello de Ferrol e faino a través deste programa, que permite ao concello desenvolver programas de actividades de concienciación e sensibilización contra a violencia machista.
PLAN DIRECTOR
A subdelegada quixo poñer en valor na xunta local de seguridade a importancia das actividades que se desenvolven no marco do Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade escolar. Un programa promovido polo Goberno de España e polo Ministerio do Interior, co que, no que vai de curso, fixéronse 53 actividades en 27 centros educativos de Ferrol, chegando a case 2.000 persoas, entre alumnado, profesorado e familias.
A subdelegada recordou que, dende o ano pasado, as ANPAs tamén poden solicitar as activades do Plan Director. “As actividades máis solicitadas nos centros educativos en Ferrol foron aquelas que están relacionadas co ciberacoso e coa ciberdelincuencia, aínda que tamén son importantes as desenvoltas no ámbito da prevención da violencia de xénero”.
Por último, os corpos de seguridade alertaron do importante número de casos de estafas relacionadas coa ciberdelincuencia, polo que piden á cidadanía que non facilite os seus datos persoais a través das redes.