PUBLICIDADE

Patrimonio custeará a nova escavación no xacemento do Sarridal en Cedeira

Segunda área proposta de intervención arqueolóxica no xacemento do Castro SarridalSegunda área proposta de intervención arqueolóxica no xacemento do Castro Sarridal

O acordo co Concello tamén inclúe a construción dunha ponte sobre o xacemento arqueolóxico para o tránsito peonil pola zona que se vai levantar

O xacemento arqueolóxico do Castro Sarridal en Cedeira iniciará en breve unha nova escavación que finaciará Patrimonio, dependente da Xunta de Galicia, informaron tras a reunión mantida entre o alcalde do Concello, Pablo Diego Moreda, e a directora xeral, María del Carmén Martínez, na que abordaron a continuidade dos traballos arqueolóxicos no xacemento.

A nova escavación é froito da colaboración entre a Xunta e o Concello de Cedeira que veñen mantendo, dende o ano 2017, para o desenvolvemento dos traballos arqueolóxicos no xacemento do Castro Sarridal. Así, a Dirección Xeral de Patrimonio comprometeuse a financiar con 36.000 euros a vindeira campaña de escavación no xacemento.

O proxecto consiste en escavar unha superficie de 100 metros cadrados situada baixo o camiño asfaltado que pasa xunto aos restos do xacemento xa levantados e que se dirixe ao Castelo da Concepción. A previsión é sacar á luz do foxo, o pavimento castrexo e o muro con vano que parcialmente xa se descubriron en anteriores campañas, completando así a estrutura defensiva do castro e clarexando a cronoloxía dos seus diferentes elementos.

PUBLICIDADE

Esta escavación no xacemento do Sarridal será máis custosa do habitual porque leva aparellada a construción dunha ponte-pasarela para o tránsito peonil pola zona que se vai levantar” (Pablo Diego Moreda, alcalde de Cedeira)

Unha ponte de madeira no xacemento para garantir o paso

Para avanzar na escavación arqueolóxica no xacemento e garantir o paso, construirase unha ponte de madeira. O proxecto presentado polos responsables municipais contempla que o traballo baixo o camiño e a zona contigua terá un custo duns 18.000 euros, mentres que a construción da ponte ten un presuposto de 16.689 euros. Dende o goberno local agradeceron unha vez máis o respaldo da Xunta na financiación desta campaña.

Ademais, o Concello de Cedeira, ao remate destes traballos financiados por Patrimonio, vai custear outra campaña no xacemento do Sarridal, que xa foi presentada na Dirección Xeral, e na que se prevé escavar unha superficie de 64 metros cadrados en tres puntos diferentes do xacemento, completando así a eshumación de elementos parcialmente descubertos en anteriores escavacións.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.