PUBLICIDADE

A Xunta reforza no Polo do Carballiño as estratexias colaborativas de emprendemento

PorBisbarra

Venres, 14 Febreiro 2025 , ,
Dende 2023, o Polo do Carballiño atendeu 210 proxectos e realizou arredor de 100 actividades.Dende 2023, o Polo do Carballiño atendeu 210 proxectos e realizou arredor de 100 actividades.

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou no peche da xornada “Dinamización do ecosistema emprendedor”, unha actividade organizada no Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Carballiño e impulsada pola Xunta de Galicia. Retomando as conclusións do proxecto piloto desenvolvido a finais de 2024 nesta oficina, a xuntanza de traballo reuniu a diferentes axentes do territorio. O obxectivo é crear un grupo de traballo dinámico e participativo que impulse o desenvolvemento local, o emprego e o emprendemento no territorio. Así, ponse o foco en sectores económicos estratéxicos identificados na fase inicial, entre os que se sitúan o sector primario, o do turismo ou o dos coidados.

A este respecto, un dos primeiros retos será traballar nunha axenda conxunta para aliñar intereses, definir prioridades e coordinar esforzos arredor de obxectivos comúns. Ademais, levaranse a cabo reunións itinerantes para coñecer de preto as realidades locais, lideradas por un comité rotativo que asegure a implicación activa e equitativa de todos os membros.

Marta Mariño destacou que este proceso é esencial para reforzar o ecosistema local de remordemento, crear sinerxías, fomentar a cooperación e maximizar o impacto do Polo. O obxectivo final, sinalou, é avanzar cara a unha especialización intelixente desde a complexidade de cada territorio, centrándose en servizos esenciais para cada zona e apostando polo aproveitamento dos recursos propios coa prioritaria implicación dos axentes involucrados en beneficio da cidadanía.

PUBLICIDADE

Con esta iniciativa búscase consolidar e reforzar a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, iniciativa pública nada en xullo de 2022. Esta presta, de forma gratuíta e a través das súas 15 oficinas, asesoramento individualizado, tanto a quen desexa emprender na comunidade autónoma como a quen xa o fixo e quere consolidarse.

A Rede ten, ademais, un gran foco no rural, co obxectivo de dinamizar a economía local, fixar poboación e combater o reto demográfico. Neste marco, o Polo do Carballiño, desde a súa creación no ano 2023, leva un total de 210 proxectos atendidos e arredor de 100 actividades realizadas entre reunións con entidades, accións de formación e eventos da rede. Neste sentido, resáltase que actualmente o número de mulleres emprendedoras atópase no 58% do total dos asesorados.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.