O Concello do Pereiro de Aguiar licitou por case 1,2 millóns de euros a renovación de 1.314 luminarias a tecnoloxía LED. Asemade, renovará os 34 centros de mando. Esta actuación é froito da colaboración co IDAE. Así, o obxectivo desta actualización é afondar na loita contra o cambio climático, reducir o consumo e dar un mellor servizo á veciñanza.
A renovación afectará ás 13 parroquias que conforman o municipio, escolléndose os lugares en función da poboación e outros criterios técnicos. Esta renovación afectará a un terzo do total das luminarias do concello, que rondan as 4.000.
Unha vez executada esta obra, xunto coas levadas a cabo nos últimos anos, máis da metade dos farois do concello terán tecnoloxía LED. Neste sentido, o servizo prestarase directamente a preto do 70% da poboación total, fixada en torno aos 7.000 habitantes.
O alcalde do Pereiro de Aguiar, Luís Menor, asegura que seguirán traballando para acadar canto antes a substitución completa de todas as lámpadas e mellorar un servizo esencial como é o do alumeado público.




