PUBLICIDADE

Presentada a primeira Oficina Termal AVE de España na estación de Ourense

Espérase que a Oficina, que abre ao público o día 20, reciba 100.000 visitas no 2025.Espérase que a Oficina, que abre ao público o día 20, reciba 100.000 visitas no 2025.

A Deputación de Ourense presentou esta mañá a primeira Oficina Termal AVE de España, situada na estación Ourense Empalme. Esta instalación é froito do acordo acadado pola institución provincial, a través da Área de Benestar, e ADIF a finais do pasado ano 2024. Trátase, en palabras do presidente da Deputación, Luís Menor, “dunha nova acción innovadora para promover o termalismo provincial”.

Á apertura da Oficina Termal AVE, ademais do presidente provincial, acudiron o presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o director da Área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira; e representantes de balnearios da provincia. Entre os últimos estaba o director xerente de Caldaria, Javier Soto, quen a cualificou de “excepcional para todo o sector ourensán e un antes e un despois para a promoción do termalismo da nosa provincia”.

A oficina está situada na propia entrada principal da estación, con acceso desde o vestíbulo central. O obxectivo de promover os balnearios da provincia e o Programa de Termalismo social provincial 2025, do que se iniciou recentemente o prazo de solicitudes.

PUBLICIDADE

Noutras estacións de tren existen xa puntos de información turística xeneral, pero o caso de Ourense será o primeiro de toda España especializado en balnearios e nun programa de termalismo social. A Oficina Termal AVE será fundamentalmente dixital e terá un horario de apertura idéntico á propia estación, de 6:30 a 23:30, 17 horas diarias. Esta oficina experimental arrinca cunha formulación inicial de permanecer aberta durante 18 meses, período no que se realizarán varias avaliacións intermedias para analizar se cumpre os seus obxectivos.

ESPAZO PROMOCIONAL TERMAL

A Oficina Termal, en palabras do director da Área de Benestar, “será un espazo por e para os balnearios da provincia” e espérase que contribúa a que os centos de miles de persoas que anualmente pasan pola estación de tren ourensá coñezan mellor a realidade termal da provincia. Así mesmo, poderán acceder a promocións e preténdese asociar a alta velocidade ferroviaria como posibilidade de mobilidade e proximidade aos balnearios da provincia de Ourense.

Segundo Luís Menor, espérase que 100.000 persoas empreguen a oficina e obteñan información dos balnearios da provincia e do programa de termalismo provincial neste 2025.

Aínda que o espazo estea coordinado desde a Deputación, estará a plena disposición dos centros termais, para que ofrezan información dos seus servizos balnearios e para que poidan realizar promocións ou eventos na estación.

O espazo da Oficina está ambientado visual e auditivamente para referir o contexto termal.
O espazo da Oficina está ambientado visual e auditivamente para referir o contexto termal.

No tocante ao espazo físico da oficina, pretende achegar aos seus visitantes aos balnearios a través de diferentes referencias aos centros termais. A nivel de localización, recréase ambiente de natureza, facendo referencia á contorna verde no que se sitúan os balnearios, complementado con elementos de ornamentación vexetal que xeren atractivo visual.

Así mesmo, a ambientación apóiase no son de auga que traspasa o limiar e contextualiza o ambiente das piscinas de auga mineromedicinal. As referencias visuais complétanse con albornoces e sandalias como elementos de decoración e de identificación clara cos balnearios.

MONITORIZACIÓN E SEGUIMENTO DE OBXECTIVOS

A oficina será aberta ao público xeral o día 20. A partir de entón, empregarase un sistema de contabilización automática e dixital das persoas que a visitan. A idea é rexistrar de xeito anónimo a hora das entradas e o número de usuarios, para monitorizar a afluencia en cada franxa horaria. Cruzando estes datos cos horarios de chegada e saída de trens, poderase estimar as horas de maior afluencia na oficina para que os balnearios poidan realizar promocións ou eventos dun xeito optimizado.

Ademais, a maior parte da información termal da oficina será dixital e accesible a través de códigos QR, o que permitirá coñecer o número de descargas individuais. En función diso, decidirase mensualmente que tipo de información é de maior interese e cal hai que ampliar, manter ou reducir.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.