A Real Academia Nacional de Medicina elixiu como novo académico de número de Medicina Legal a Ángel Carracedo, de xeito que ocupará a cadeira número 19 para participar na elaboración e revisión de estudos, investigacións e publicacións relacionadas coa medicina e a saúde, contribuirá á promoción do coñecemento médico asesorando en temas científicos e participará en labores relacionados con museos e nas sesións de debate semanais que se organizan na Academia. Ángel Carracedo foi o primeiro veciño de Ames en ser distinguido coa medalla do Concello de Ames.
O profesor Ángel Carracedo foi nomeado novo académico de número de Medicina Legal da Real Academia Nacional de Medicina de España (RANME). A votación, levada a cabo por todos os académicos de número actuais, tivo lugar durante a última reunión da xunta de goberno e a súa toma de posesión celebrarase nos próximos meses.
Ocupará a cadeira número 19 e terá un papel crave na elaboración e revisión de estudos, investigacións e publicacións relacionadas coa medicina e a saúde, contribuirá á promoción do coñecemento médico asesorando en temas científicos e participará en labores relacionadas con museos e nas sesións de debate semanais que se organizan na Academia. Tamén colaborará na Revista Anales (www.analesranm.es) e na actualización do Dicionario panhispánico de termos médicos (www.dptm.es), entre outras actividades.
Carracedo é veciño de Ames, da parroquia de Bugallido. No ano 2018, foi o primeiro veciño de Ames en ser distinguido coa medalla do Concello de Ames durante os actos de celebración do Día de Galicia. Ademais dos seus méritos profesionais, Carracedo é coñecido polo seu compromiso coa lingua galega, que emprega na medicina, nos seus grupos de investigación e durante os seus actos divulgativos.



