A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a licitación do contrato de subministración de equipos para a implantación de estacións de control destinadas á medición do nivel e aforo de ríos, orientadas ao estudo de inundabilidade e á alerta temperá fronte a inundacións no municipio de Ames, no marco do proxecto Ames Dixital Water, que está financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) mediante os fondos Next Generation EU, que á súa vez están dentro do PERTE de Dixitalización do Ciclo da Auga. O orzamento base de licitación de dito proxecto ascende ao importe de 71.995 euros.
O Concello de Ames iniciou a transformación integral do seu sistema de abastecemento e saneamento mediante a adxudicación e execución de diversos contratos enmarcados no proxecto estratéxico “Ames Dixital Water”, cuxa investimento global ascende a 1.356.375,49 euros. O 83,40% do orzamento total, que ascende a 1.131.309,77 euros, será sufragado con fondos europeos, mentres que o 16,60% restante, 225.065,72 euros, son sufragados con fondos municipais.
A iniciativa está financiada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do PERTE para a dixitalización do ciclo urbano da auga, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Goberno de España e con fondos Next Generation EU. O obxectivo principal do proxecto é dotar ao municipio de servizos modernos e de calidade relacionados coa xestión do ciclo da auga. Así, a través da transformación dixital, Ames mellorará a eficiencia no uso dos recursos hídricos, garantirá a sustentabilidade ambiental e proporcionará á cidadanía un entorno favorable para o desenvolvemento dos seus proxectos de vida.
O proxecto pretende converter Ames nun referente na gobernanza da auga a nivel local, aproveitando as vantaxes da transformación dixital. Prevese mellorar a calidade de vida dos cidadáns, promover a sustentabilidade ambiental e fortalecer o arraigamento da poboación no municipio. Este enfoque integral busca crear un modelo replicable noutros contornos semiurbanos que se enfrontan a retos similares.




