PUBLICIDADE

Asier Polo, candidato do PP á Alcaldía do Concello de Melide

PorBisbarra

Luns, 28 Setembro 2026 , , , , , ,
O candidato do PP presenta «Un Novo Camiño», un proxecto centrado na proximidade, a renovación e a transformación de Melide

Asier Polo Abad presentou este sábado a súa candidatura á Alcaldía de Melide polo Partido Popular ante centos de veciños e veciñas que ateigaron o Restaurante Codeseira. Baixo o lema «Un Novo Camiño», Polo deu a coñecer un proxecto co que pretende abrir unha nova etapa para o municipio baseada na proximidade, a renovación e a xestión.

«Non o fago por un cargo nin por unha mera ambición persoal. Fágoo por un proxecto e polo enorme desexo de poder mellorar a vida da nosa xente», afirmou durante a súa intervención.

Polo defendeu unha candidatura aberta e transversal, capaz de incorporar persoas de diferentes xeracións, sectores e sensibilidades, e convidou os veciños a participar na construción do proxecto achegando ideas, preocupacións e propostas. «Aquí cabemos todos», asegurou.

PUBLICIDADE

Entre as prioridades avanzadas polo candidato figuran a mellora dos servizos públicos, a recuperación e posta en valor das instalacións municipais, a ampliación da oferta de Formación Profesional, o apoio ao comercio e aos autónomos, unha maior atención ás parroquias rurais e o reforzo das alternativas deportivas, culturais e de lecer.

Polo sinalou especificamente como retos para Melide a reapertura da piscina municipal, a dispoñibilidade de solo industrial e a creación das condicións necesarias para atraer novos investimentos e empresas, ademais de xerar oportunidades para que a mocidade poida desenvolver o seu futuro no municipio.

O candidato comprometeuse cunha política municipal baseada na proximidade e no traballo diario. Polo insistiu tamén en que o proxecto non nace para «insultar, crispar nin enfrontarse a ninguén», senón para «propoñer, convencer, gañar e gobernar».

Na presentación participaron o secretario xeral do PP, Miguel Tellado; o presidente provincial do partido, Diego Calvo; e Ánxeles Vázquez, xunto con representantes municipais e do Partido Popular da comarca.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.