O Concello de Melide rematou as obras de mellora da pavimentación e da seguridade viaria na Avenida de América e nas rúas Fernández Flórez, Alfonso Castelao e Magallanes. A actuación abranguía un tramo total de 287 metros de lonxitude.
A intervención permite mellorar o funcionamento destas vías e reforzar a seguridade, facilitando a convivencia entre o tránsito peonil e o tráfico rodado. Ao mesmo tempo, contribúe á humanización e á mellora das condicións de mobilidade nunha zona historicamente desatendida do norte do centro urbano.
O proxecto contemplou a reorganización do espazo das rúas mediante a creación dunha plataforma única compartida por vehículos e peóns, elevada respecto dos viarios anteriores. A diferenciación entre os distintos usos realízase a través dos materiais empregados: a zona de circulación conta con pavimento de mestura asfáltica en quente, as áreas de estacionamento execútanse con formigón desactivado e o espazo peonil con baldosa granallada. As antigas beirarrúas foron demolidas para adaptarse a esta nova configuración. A actuación incluíu tamén a instalación dun sistema de drenaxe para a recollida e canalización das augas pluviais.
Esta intervención dá resposta á situación anterior destas rúas, que presentaban dous sentidos de circulación, beirarrúas a ambos lados e zonas de estacionamento sen delimitar. Ademais, nalgúns puntos as beirarrúas non superaban os 90 centímetros de ancho, o que dificultaba o paso e limitaba a accesibilidade, ao tempo que o pavimento presentaba desgaste polo paso do tempo e por distintas intervencións de canalización de servizos.
O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, destacou a importancia destas obras e valorou o resultado final como unha “gran mellora” para a contorna. Executouse ademais o aglomerado dun tramo da Rúa Galicia.
A obra, cun orzamento de 182.900 euros, está incluída na segunda fase do POS+ Adicional da Deputación da Coruña.




