PUBLICIDADE

Barbadás cobrará pola recollida e coidado dos animais extraviados

Barbadás cobrará 100 euros por recollida de can, 85 euros por gato e 10 euros diarios pola estancia nas instalacións municipais.Barbadás cobrará 100 euros por recollida de can, 85 euros por gato e 10 euros diarios pola estancia nas instalacións municipais.

O pleno do Concello de Barbadás aprobou por unanimidade en sesión ordinaria a ordenanza fiscal reguladora da taxa por prestación do servizo de recollida, aloxamento, manutención e entrega de animais extraviados ou abandonados na vía pública. O Goberno local dá así un paso adiante no reforzo do benestar dos animais domésticos, na liña da normativa autonómica e estatal.

O servizo de Protección Civil de Barbadás recolle cada ano arredor dun cento de cans e gatos nas vías públicas do municipio. Na maioría de casos, segundo Daniel Rey, concelleiro de Emerxencias, estas situacións resólvense con rapidez e coa colaboración das persoas propietarias.

“Cando o animal ten microchip, Protección Civil accede ao rexistro galego de microchips e contacta cos donos”. O edil explicou que nese momento “notamos o interese, hai xente que non pode recoller ao seu animal no momento, pero pídelle a outra persoa que o faga ou informa da hora á que poden chegar”.

PUBLICIDADE

Porén, tamén se dan casos nos que os animais non contan con microchip ou nos que os propietarios non se responsabilizan da situación. Nestas situacións, despois de tres días, Protección Civil encárgase do transporte dos animais ata a protectora e o Concello asume os gastos de recollida e coidado.

Nete sentido, o Concello de Barbadás pretende que as persoas propietarias que non mostran responsabilidade polos seus animais se fagan cargo do custe da recollida e mantemento. Así pois, gravarase con 100 euros por recollida de cans, 85 euro pola de gatos e 10 euros diarios pola estancia dos animais nas instalacións municipais.

“Só se vai cobrar cando o gato ou can non estea identificado e se entregue na protectora e cando os donos son reincidentes”, resumiu Rey.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.