O Concello de Barbadás reforza o servizo de loita contra os incendios forestais con máis persoal e novo equipamento. Así pois, incorpora un novo equipo de profesionais e pon en marcha labores preventivas en zonas de risco. A medida insírese no marco do convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para a defensa contra incendios forestais.
Neste sentido, realizouse unha visita institucional á base do servizo municipal de emerxencias, coincidindo co inicio da formación específica do novo persoal da brigada forestal e da autobomba. Ao acto asistiron o concelleiro de Emerxencias, Dani Rey; o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel; e a tenente de alcalde, Victoria Morenza. Os representantes locais destacaron a importancia da prevención como ferramenta clave para protexer o medio ambiente e a seguridade veciñal.
O dispositivo municipal queda configurado por unha xefa de brigada, un peón condutor, tres peóns forestais e dous condutores de autobomba.
Ademais, súmase un peón de prevención contratado nos últimos días grazas ao programa APROL Rural, cofinanciado pola Xunta de Galicia. Este centrarase nas tarefas de vixilancia e limpeza preventiva, consideradas prioritarias para reducir o risco de incendios.
O persoal estará adscrito á Concellería de Emerxencias e traballará en coordinación co Distrito Forestal XII, xunto co persoal municipal de emerxencias e Protección Civil.
ROZAS E INSPECCIÓNS
As actuacións de prevención consistirán principalmente na roza manual e mecánica de camiños incluídos no Plan de actuacións preventivas da Xunta de Galicia, nunha superficie total de 9 hectáreas. Tamén se levarán a cabo tarefas de inspección da xestión da biomasa en parcelas situadas en faixas secundarias. O obxectivo é asegurar o cumprimento da normativa de prevención de lumes en zonas próximas a vivendas.
No tocante á extinción, a existencia de brigadas municipais e a presenza do Servizo de Incendios Forestais (SIF) da Xunta de Galicia no propio termo municipal, así como a colaboración cos concellos da contorna, garanten unha resposta rápida e coordinada ante posibles emerxencias forestais.
O Concello de Barbadás reforza así a protección do territorio, coa prevención como eixo central da súa estratexia para combater os incendios forestais durante a tempada de alto risco.



