PUBLICIDADE

Belén do Campo destaca en Ames o apoio da Xunta ás internacionalización das PEMES

A representante do Goberno visitou as instalacións da empresa Calor Color, beneficiaria o pasado ano das axudas deste programa que busca favorecer a proxección exterior e mellorar a competitividade internacional do tecido produtivo galego

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Economía e Industria, Isidoro Martínez, visitou hoxe en Ames as instalacións da empresa Calor Color, beneficiaria o pasado ano das axudas do programa Galicia Exporta Empresas, unha liña impulsada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para favorecer a proxección exterior e mellorar a competitividade internacional do tecido produtivo galego.

Durante a visita, a representante do Goberno galego coñeceu de primeira man as accións desenvolvidas pola firma grazas a este apoio autonómico, que lle permitiu reforzar a súa presenza en mercados internacionais e avanzar na súa estratexia de dixitalización para a internacionalización. Belén do Campo destacou que esta empresa conta con 24 traballadores e que exporta a países como Italia, Estados Unidos, Dubai, Alemania, Mexico ou Ecuador, entre outros.

En concreto, Calor Color levou a cabo un proxecto global de promoción exterior cun investimento total de máis de 103.000 euros, para o que contou cunha achega da Xunta superior aos 74.000 euros.

PUBLICIDADE

Belén do Campo explicou que esta axuda permitiu financiar actuacións de márketing e comunicación internacional, así como accións de dixitalización orientadas á apertura de novos mercados. Entre elas inclúense a participación nas feiras internacionais Euroluce 2025, celebrada en Milán, e Light Design Expo, en San Francisco, ademais da elaboración de catálogos promocionais específicos para ambas citas, a incorporación da empresa á plataforma especializada Archiproducts e a creación dunha nova canle de venda a través dunha plataforma de comercio electrónico.

A delegada salientou que “este tipo de iniciativas permiten ás empresas galegas dar un salto cualitativo na súa presenza exterior, acceder a novos clientes e consolidar a súa marca en mercados internacionais cada vez máis esixentes e competitivos”.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.