PUBLICIDADE

Belén do Campo destaca o traballo do Polo de emprendemento de Melide con 376 iniciativas apoiadas

Na visita a delegada mantivo varios encontros con beneficiarios, o ano pasado, dos apoios para o bono autónomo que xa ten aberta a convocatoria deste ano ata o 30 de setembro

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, visitou o Polo de Emprendemento de Melide, onde puxo en valor o papel clave que desempeña este servizo no apoio ás persoas autónomas e pequenas empresas da comarca, así como na dinamización do tecido económico local.

O Polo de Emprendemento de Melide dá cobertura abarca 24 concellos:  Melide, Sobrado, Toques, Santiso; Arzúa, Boimorto, O Pino, Touro; Santiago, Val do Dubra, Ames, Boqueixón, Teo, Vedra, Brión; Cerceda, Ordes, Mesia, Frades, Oroso, Tordoia, Trazo; Padrón y Rois, ofrecendo asesoramento gratuíto e acompañamento personalizado tanto a persoas que están a valorar iniciar unha actividade como a aquelas que xa teñen un negocio en marcha e queren consolidalo.

Neste contexto, a delegada salientou o papel da Rede de Polos de Emprendemento da Xunta de Galicia, unha iniciativa creada en xullo de 2022 e que conta na actualidade con 15 oficinas distribuídas por todo o territorio galego. Na provincia da Coruña, a Rede de Polos conta con tres oficinas situadas en Melide, Coristanco e Ferrol, que ofrecen cobertura aos emprendedores das súas contornas.

PUBLICIDADE

Esta rede ofrece un servizo integral de apoio ao emprendemento, con especial atención ao medio rural, co obxectivo de reactivar a economía local e favorecer a fixación de poboación.

Ademais, destacou a importancia das accións destinadas a fomentar a diversificación e posta en valor do sector primario mediante a transformación e comercialización de produtos con maior valor engadido, un ámbito no que os polos desempeñan un papel fundamental.

No caso concreto de Melide, dende a súa posta en marcha en 2023, o polo ten asesorado máis de 376 iniciativas empresariais. Un dato especialmente relevante é que preto do 54% das persoas atendidas son mulleres, o que reflicte a súa crecente implicación no ámbito emprendedor.

IMPACTO DAS AXUDAS NA COMARCA DA TERRA DE MELIDE

Tras a visita ao polo de emprendemento, Belén do Campo visitou varias persoas autónomas do concello de Melide beneficiarias da orde de bono das persoas traballadoras autónomas, destinada a apoiar a consolidación de proxectos que superaron os tres anos de vida, co obxecto de mellorar a súa competitividade.

En primeiro lugar visitou a Asesoría Laboral e Fiscal CC Xestión Melide S.L, beneficaria o ano pasado dunha achega de máis de 3.000 euros para a renovación do seu equipamento informático, un servidor e un software e para a compra de mobiliario de oficina. Posteriormente, trasladouse ata a gandería Pena Fendida que tamén recibiu un apoio de 7.000 euros para a adquisición dunha nova amamantadora.

Belén do Campo lembrou que, o ano pasado, na provincia da Coruña se concederon, 874 axudas desta orde por un importe case 3 millóns de euros. Na comarca de Melide, estas axudas beneficiaron a 16 persoas, cun investimento de máis de 53.000 euros.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.