O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reivindicou este xoves no Pleno municipal a construción da senda ciclista e peonil entre Santiago e O Milladoiro como “un proxecto de cidade” chamado a transformar a mobilidade e a conexión metropolitana entre ambos núcleos urbanos.
Durante a súa intervención, Verea asegurou sentirse “orgulloso” de levar anos defendendo esta infraestrutura porque, segundo explicou, “nunca defendín simplemente unha obra; defendín unha idea de cidade”.
O líder popular afirmou que “as cidades non cambian só con discursos”, senón con “proxectos capaces de transformar a vida diaria da xente”, e defendeu un modelo de cidade “máis conectado, máis moderno, máis verde e máis pensado para as persoas”.
Neste sentido, sinalou que Santiago debe avanzar cara a unha mobilidade con alternativas reais ao coche, permitindo desprazamentos “andando, en bicicleta ou utilizando alternativas reais ao vehículo privado con seguridade”.
Verea insistiu en que Santiago e O Milladoiro “xa non son dous lugares separados”, senón espazos conectados pola vida diaria de miles de persoas que traballan, estudan, acoden ao hospital, fan deporte ou visitan familiares entre ambos municipios.
“Unha cidade intelixente ten a obriga de adaptarse á realidade da xente”, afirmou.
O líder popular lembrou ademais que sempre mantivo a mesma posición respecto ao proxecto: “ten que facerse ben, cumprindo a normativa, respectando o patrimonio, respectando o medio ambiente e procurando o menor impacto posible”.
Nesa liña, recoñeceu que ao longo da tramitación existiron “preocupacións veciñais, debate, cambios e modificacións”, pero destacou que actualmente “os informes das administracións competentes son favorables”.
Para Verea, o proceso seguido responde precisamente ao que debe facer “unha administración responsable”: “escoitar, mellorar, adaptar e executar”.



