O Concello de Cariño executou durante os últimos días labores de roza en distintas vías da parroquia de Feás. O obxectivo é mellorar o estado de camiños e espazos públicos, garantindo unhas mellores condicións para a veciñanza.
As actuacións incluíron o uso de tractor con rozadoira e rozadoiras de man. Actuouse nas pistas do Barral, O Penso, Outeiro, Esteiro de Abaixo e San Roque. Asemade, realizouse a limpeza e posta a punto do parque infantil e o campo da festa.
Ademais, incluíuse a retirada dun denso mato de hedras que cubría parte do tellado e o lateral do local do campo da festa para mellorar a estética e evitar danos estruturais.
Está previsto que na vindeira semana se proceda á limpeza das beirarrúas da parroquia, completando unha actuación integral de mantemento. Así, o Concello de Cariño avanza no seu compromiso de coidado do rural.