O Concello de Fene celebrou esta mañá un pleno extraordinario para tomar coñecemento oficial da renuncia de Juventino Trigo como alcalde e concelleiro. Así, formalízase unha decisión anunciada hai unha semana.
Na súa última intervención ante a corporación, Trigo despediuse con emoción tras 14 anos na política municipal, dos cales oito foron como alcalde. A decisión, sinalou, foi “moi meditada, tomada con responsabilidade e pensando sempre no mellor para o Concello e a veciñanza”. Asemade, reivindicou a importancia do relevo na política municipal para “seguir medrando, incorporar novas ideas, novas enerxías e novas maneiras de facer”.
Durante a súa intervención, tivo palabras de recoñecemento para os grupos da oposición, agradecendo “a súa actitude e o seu traballo, que fixo que nos últimos anos o Concello tivera máis tranquilidade”, avanzando con diálogo e acordos, engadiu.

SANDRA PERMUY, ALCALDESA DE FENE EN FUNCIÓNS
Desde este mesmo venres, Sandra Permuy asume a Alcaldía de Fene en funcións. Concelleira de Servizos, Benestar Social, Igualdade, Seguridade e Persoal, será a encargada de pilotar o goberno municipal ata a celebración do pleno de elección da nova Alcaldía, previsto para o venres 16 de maio ás 18.00h.