Coa participación de 71 tiradores e tiradoras, celebrouse en Melide o XVIII Campionato de Tirapedras da Galiza Central no día de hoxe. Deles, 20 foron rapaces e rapazas menores de 14 anos, con 26 mulleres anotadas en total. Entre os participantes atopábanse tanto melidaos e melidás residentes como outras persoas que se encontran pasando as súas vacacións na comarca, e mesmo visitantes circunstanciais e persoas chegadas expresamente para participar no evento.
O Campionato, que persegue contribuír á recuperación dos espazos tradicionais de xogo existentes no casco histórico de Melide, foi organizado pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (www.agxpt.gal), contando co patrocinio do coñecido establecemento local Adega “Mandil” e co apoio do Concello de Melide, da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais, do Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, da Sociedade de Pesca Deportiva “Ponte Mazaira” e da propia Comisión de Festas de San Roque.
O gañador absoluto da presente edición do Campionato foi o experimentado tirador de Palas de Rei Fernando Álvarez, clasificándose en segundo e terceiro lugar, respectivamente, Diego Ramos (de Kabiezes-Santurtzi, con raíces na comarca) e Alejandro Cortés (de Sant Adrià de Besòs-Barcelona, tamén con raíces na comarca). En categoría infantil, o gañador foi Cibrán Cea García, de Melide, ocupando o segundo lugar Area Mato Val, natural da Coruña pero residente en Melide, e o terceiro Dubra Parrado Vidal, da Coruña.
Dáse a casualidade de que o gañador absoluto na edición de 2025, Gaiferos Parrado Freire, foi invitado pola organización para exercer de xuíz principal do Campionato na edición deste ano. Dáse a casualidade tamén de que Fernando Álvarez Rouco, gañador absoluto, expuxo durante a competición unha colección de tirapedras construídos por el mesmo que foron moi apreciados por participantes e público en xeral.
Un ano máis, os tiradores/as reuníronse, nesta ocasión, na emblemática Praza das Coles nunha xornada con protagonismo, naturalmente, da competición, pero onde estivo ausente —tamén un ano máis e por fortuna— a competitividade mal entendida, pois do que se trataba era de participar nun xogo e nun evento festivo, antes que de querer gañar a calquera prezo. As persoas adultas lanzaron a 10 m de distancia contra tres dianas. Os menores fixérono a 5 m tamén contra tres dianas. Cada lanzador/a dispuxo dun total de seis intentos.
Paralelamente, algúns lugares do casco histórico da vila recuperaron o seu papel como espazos de xogo. Así, foi posible xogar á ra, ao peón ou cos zancos en diferentes lugares do Melide monumental. Para o próximo ano, no afán de recuperación das formas tradicionais de xogo, a organización baralla a posibilidade da convocatoria dun premio ao tirapedras xenuíno da Terra de Melide mellor construído.




